BNG e a Confederación Intersindical Galega (CIG), central sindical maioritaria no País, coinciden no seu rexeitamento á modificación que vén de realizar o Goberno estatal á normativa laboral e que constata a “non derrogación” da reforma laboral do PP e o mantemento dos seus “aspectos máis lesivos”. Así o aseguraron en rolda de prensa a portavoz nacional, Ana Pontón, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, logo da reunión mantida cunha delegación da CIG encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, quen tamén se pronunciou neste mesmo sentido.
Así, Pontón asegurou que o Real Decreto aprobado polo Executivo central non só resulta “decepcionante” e “un parche que deixa intacta a reforma laboral do PP”, senón que supón tamén “un compromiso incumprido” e “unha claudicación”, por unha banda, ante “a patronal, que claramente se ve reforzada nesta negociación” e, por outra, “ante os intereses de Bruxelas, a cambio deses fondos Next Generation que finalmente van acabar en mans de catro multinacionais e que non van beneficiar aos traballadores e traballadoras deste País”. “É moi grave que o Goberno que se declara como máis progresista da historia manteña o mesmo despedimento barato que o Goberno do señor Rajoy e os aspectos máis lesivos desa reforma laboral que supuxo unha perda de dereitos, máis precariedade e menos oportunidades para a xente nova”, recriminou.
Logo de recordar que a derrogación da reforma laboral do PP é un dos “puntos centrais” dos compromisos adquiridos polo Executivo PSOE-Unidas Podemos, asinado ademais en acordos de investidura e con outras forzas políticas como o BNG, avanzou que o Bloque traballará para que o Real Decreto no Congreso se tramite como proxecto de lei co obxectivo de lograr, a través das correspondentes emendas, derrogar integramente a reforma e dar cumprimento a este compromiso coa cidadanía. “Para iso é imprescindible que todas as forzas nacionalistas, soberanistas e progresistas que hai no Estado español con representación no Congreso fagamos unha fronte común para que esta non sexa de novo unha oportunidade perdida e que esta sexa unha lexislatura na que se cumpren os compromisos adquiridos coa cidadanía”, recalcou.
Neste sentido, a líder nacionalista advertiu que o decreto, “anunciado con moita propaganda”, é na práctica “un lavado de cara” que “non soluciona os problemas estruturais que temos no ámbito laboral, nin a perda de dereitos dos traballadores e traballadoras ao longo das últimas décadas, nin a dramática taxa de paro xuvenil, nin os baixos salarios que están facendo que moitos e moitas traballadoras, sobre todo a xente nova, teñan como aspiración ser mileuristas”.
Na mesma liña, o deputado no Congreso, Néstor Rego, asegurou que o decreto aprobado polo Goberno estatal de coalición “vai supor a decepción e a frustración de moitas traballadoras e traballadores que confiaron nas forzas progresistas” e subliñou que “o BNG non está disposto a asumir a non derrogación da reforma”.
Nesta liña, asegurou que estamos ante “unha simple actualización da reforma que mantén os aspectos máis lesivos da aprobada polo Partido Popular”, polo que, segundo destacou, “reclamamos que se tramite como Proxecto de Lei para derrogala de maneira íntegra”. Rego engadiu que existe unha maioría parlamentar -se PSOE e UP están de acordo- que posibilitaría a derrogación e, confirmou que a formación nacionalista está traballando xa na procura dunha fronte común con partidos e sindicatos soberanistas e de clase.
Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertiu que o novo real decreto constata a non derrogación da “brutal reforma laboral” do 2012 e significa levar adiante unha modificación lexislativa onde se quere consolidar “a peor versión posible do que xa era a reforma de 2012”, xa que pivota sobre dous aspectos “claramente negativos”: a conformación dun marco laboral no que o despedimento “camiña a ser case libre” e no que se pretende crear unha realidade de “permanente temporalidade, precariedade e de eventualidade”, resumiu.