BNG centra o vindeiro pleno nos graves problemas da sanidade pública e o incremento dos intereses hipotecarios

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil critica o uso partidista que o PP pretende  facer do Parlamento galego  e advirte   que non vai conseguir que o BNG cale ante a listas de espera, falta de persoal medico e recursos humanos na sanidade pública

O BNG leva ao vindeiro pleno diversas iniciativas ante a grave crise sanitaria e o incremento dos intereses hipotecarios no 2022.

A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil anunciou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará ao presidente da Xunta polas medidas previstas do Executivo ante as reclamacións da cidadanía pola falta de médicos e recursos na atención sanitaria. Asemade, o BNG interpelará ao conselleiro de sanidade, e formulará varias preguntas parlamentarias sobre “a situación  de Pediatría na comarca de Monterrei; as urxencias de Moaña e a falta de persoal médico en Corrubedo”.

Tres exemplos concretos, dixo,  “da mobilización social que atravesa o país na defensa da sanidade pública”.

A viceportavoz do BNG, na súa comparecencia tras a Xunta de portavoces, fixo un chamamento a todas  as persoas que están reclamando unha “atención sanitaria  de calidade; que sofren a falta de médico e a todo o  persoal exhausto pola falta de recursos, a “mobilizarse o próximo 12 de febreiro na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública”.

O Parlamento é de todos os galegos e galegas non a “leira  do PP”

Ante as criticas vertidas polo Partido popular por unha foto do grupo parlamentario xunto a alcaldesas e alcaldes do BNG nas escaleiras do Parlamento para visibilizar os graves problemas da sanidade pública, Olalla Rodil afirmou que o PP cada día está “máis nervioso” e cada vez máis “obsesionado co BNG”. Ao PP, recalcou Rodil, non lle molesta unha foto nunha escaleira, o que realmente lle molesta  e que desde o Bloque Nacionalista galego denunciemos, da man das alcaldías do BNG, a situación da sanidade pública galega. E sobre todo, as consecuencias das políticas sanitarias do Partido popular. O problema do PP é que pensa que o Parlamento “é a súa leira”.

Rodil sinalou que o BNG continuará denunciando “as listas de espera, a falta de médicos e médicas” e seguiremos defendendo “máis investimento público e máis persoal para a sanidade pública”. Si o Partido popular pensa que imos calar “está moi equivocado”.

O BNG reclama un  fondo hipotecario contra a suba de intereses

Diante do incremento das hipotecas en 2022, o BNG reclama crear  un fondo hipotecario  cun 25% de fondos públicos e 75% de fondos das entidades financeiras con actividade en Galiza e  “en función da súa cota de mercado”.

Este fondo, explicou a nacionalista será destinado a persoas  con ingresos totais inferiores ao salario medio no estado español, ou aquelas persoas, ou unidade de convivencia, en situación de vulnerabilidade social que acrediten, á súa vez, que o pagamento mensual da hipoteca para vivenda habitual supere o 30% dos ingresos mensuais netos da persoa ou unidade de convivencia.

Para acceder ao fondo hipotecario será necesario ter subscrito un contrato de préstamo hipotecario para adquisición da vivenda habitual con unha taxa de tipo variábel, e cun  euribor que  supere o 1,5%. Esta axuda, engadiu,  consistirá nunha “prestación mensual polo equivalente ao sobrecusto xerado na cota hipotecaria por ter superado o euribor o 1,5%” e o período de percepción será de 12 meses prorrogábeis.

O BNG propón que sexa o  Instituto Galego de Vivenda e Solo quen  para a xestión do Fondo e considera que as propostas “son factibles” para  rescatar as persoas e fogares galegos que cada vez destinan máis cantidade  dos seus salarios para pagar unha vivenda  en aluguer ou con  hipoteca.

Gobernos, a comezar pola Xunta, deben poñerse  do lado das galegas e dos galegos esixindo aos bancos, “rescatados co diñeiro de todos, que arrimen o ombreiro”.

Reforma da CRTVG

A deputada tamén anunciou a defensa dunha proposición de lei para reformar a  Lei de Medios públicos co fin de que  a Dirección Xeral da CRTVG sexa “elixida por concurso público”.

Tomámoslle a palabra ao senador, ese por designación autonómica que fala máis de todo que de Galiza, ironizou.  “Non sei se lembran. Núñez Feijóo. Ese. Que di que hai que rescatar os medios públicos españois das mans do goberno”.

Non debe lembrarse que aquí, en Galiza, o seu goberno segue “controlando e manipulando os medios de comunicación públicos para poñelos ao servizo dos seus intereses partidistas”. Mesmo en contra da  lei que aprobou o PP en 2011 e que obriga ao Director xeral da CRTVG a ser elixido por “maioría cualificada do Parlamento” e non “a dedo por Feijóo”,  como foi elixido o actual Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo   no ano 2009 e aí continúa, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG