parlamento galego

BNG censura a lei de simplificación administrativa por baleirar o sistema público e favorecer o feudalismo das multinacionais

Noa Presas
Noa Presas

Recrimina ao PP o “atropelo democrático” dunha norma que repite receitas fracasadas e favorece a instalación de MW eólicos “de calquera maneira”

Noa Presas afea o veto ás 128 emendas nacionalistas: “vostedes son os do ‘non’; non ao control público, a inxectar liquidez ás pemes, a fomentar actividades ricas en valor engadido, á participación cidadá e ao diálogo”

BNG rexeitou de plano no Parlamento galego o proxecto de lei de simplificación administrativa e reactivación económica do PP, un “cabalo de troia” para que a chamada reactivación económica se traduza na imposición dun modelo económico “consistente no feudalismo das grandes multinacionais e no baleirado do sistema público”.

“A aprobación desta lei é o abrazo definitivo da Xunta do PP á máis absoluta desregulación económica e industrial”, criticou con dureza a portavoz nacionalista de Orzamentos, Noa Presas, durante o debate en pleno parlamentario do texto cuxa aprobación cualificou de “atropelo democrático” por unha tramitación “que usou de forma perniciosa os mecanismos do Parlamento buscando evitar a resposta social”. “Pero non o conseguiron”, advertiu, logo de convidar á bancada do PP a saír á rúa e escoitar á cidadanía, en alusión ás manifestacións de distintos colectivos sociais contrarios tanto a esta norma como á reforma da lei de saúde e á revisión do plan forestal, debatidos igualmente ao longo da xornada na Cámara galega.

Presas recriminou ao Goberno de Feixóo que nesta “segunda parte” da lei de depredación de 2017 e da lei de acompañamento dos orzamentos incorporase ata “cambios na organización do emprego público sen pasalos polas mesas de negociación”. “Non teñen xa o máis mínimo escrúpulo e elevaron á máxima potencia o abuso da súa maioría e o filibusterismo parlamentar”, reprobou.

Neste sentido, asegurou que a norma constata a repetición de “receitas fracasadas”, a falta de planificación e o feito de que, nesta pandemia, o PP “non quere mover unha coma da súa política económica dos últimos 11 anos e da que xa vimos os resultados: menos capacidade de resistencia nun contexto globalizado, máis deslocalizacións, máis precariedade laboral e menos innovación”, enumerou.  

De igual xeito, afeou ao PP que non aceptara nin unha soa das 128 emendas nacionalistas ao texto, encamiñadas a fornecer un modelo alternativo para acadar unha “saída xusta e galega” á crise ocasionada pola pandemia. “Son vostedes os do non: non ao control público, á transparencia, a inxectar liquidez ás pequenas e medianas empresas, a fomentar actividades ricas en valor engadido, á participación cidadá ao diálogo e ao consenso”, enumerou.

Logo de contrapoñer algunhas das propostas do Bloque fronte ás recollidas na lei, Presas acusou ao Executivo galego de empregar a pandemia como coartada para xustificar a urxencia do texto, cando en 15 días se cumpre un ano do estado de alarma: “un ano!”, reiterou, para a continuación afear que de existir tal urxencia podería ter sido a primeira lei tramitada da lexislatura. “Escusas de mal pagador -reprendeu- para agochar a realidade dun goberno autoritario e alérxico ao diálogo”, ao que engadiu que na tramitación da norma sáltanse informes previos, por exemplo, do Consello Económico e Social (CES). “Legalizan ignorar o CES inventando nesta lei outros chiringuitos porque non lles a organización sindical que ten a maioría en comités e afiliación; ata ese punto chegan”, concluíu. Nesta liña tamén advertiu que a lei tampouco pasou pola Fegamp, que na súa maioría amosou unha visión moi crítica sobre o texto, algo que dixo non estrañar dado que avanza na “sobrecarga de funcións aos concellos”.

Así mesmo, a deputada nacionalista recalcou que a lei afonda en medidas parche e privatizadoras, “externalizando funcións da Administración pública para substituílas por entidades privadas que van facer informes que debera facer persoal público sen intereses”, e, ademais, reduce garantías de participación social e medioambientais, neste última caso en alusión directa á explotación dos recursos naturais galegos.

Neste sentido acusou ao PP de “sacar da manga” que nos procedementos de avaliación ambiental, se os informes non se emiten en prazo pasen a ser positivos, algo que cualificou de “disparate”, un despropósito que considerou aínda maior tendo en conta que os informe poden ser derivados a entidades privadas que van suplantar á Administración. “Nun contexto de descontrol eólico con enormes problemas no territorio, vostedes empregan esta lei para poñer unha alfombra vermella para instalar megawatios de calquera maneira, cando Galiza está dicindo Eólica si, pero non así”, concluíu.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG