A portavoz parlamentaria de Cultura, Mercedes Queixas, pediu explicacións ao Goberno do PP polo fracaso da candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade da UNESCO, tras un demoledor informe negativo emitido polo organismo que avalía as candidaturas, ICOMOS, un estrepitoso fracaso do Executivo de Feixóo que, lamentou a deputada nacionalista, pasa a ser tamén un fracaso colectivo.
Queixas responsabilizou do resultado a un Goberno que demostrou unha total incompetencia para o diálogo e para darlle á candidatura un enfoque que puxera en valor os puntos fortes dunha comarca emblemática, en lugar de deixar ao descuberto as debilidades que, para colmo, son produto de políticas equivocadas de doce anos de Goberno do PP.
“Non hai peor xordo que o que non quere oír, nin hai peor cego que o que non quere ver”, sintetizou, para denunciar “a falta de visión, de escoita e de palabra ante o episodio que acabamos de vivir que non podemos menos que cualificar de importante descrédito para Galiza”.
Un fracaso aderezado ademais cunha total opacidade por parte do Goberno do PP, que vai desde a negativa do conselleiro de Cultura a dar explicacións no Parlamento, á negativa a facilitar tanto a documentación da candidatura como o anunciado plan de xestión da Ribeira Sacra.
“Non conseguimos acceder á propia candidatura elaborada pola Xunta, malia a nosa solicitude, rexistramos petición comparecencia do conselleiro vetada polo PP e rexistramos preguntas para resposta escrita que tampouco chegaron. A día de hoxe o pobo galego aínda non soubo pola súa boca que razóns impediron que esta candidatura prosperase”, denunciou.
Quen elaborou a candidatura, como foi o proceso de concurso, a selección e adxudicación; canto custou ao erario público, quen vai asumir as responsabilidades deste chasco, que investimentos se levan realizado tras o anuncio de destinar 34 M€ ou quen foi do tamén anunciado Plan Estratéxico da Ribeira Sacra son algunhas das cuestións que seguen no limbo ante a falta de explicacións do Goberno.
A portavoz de Cultura avanzou que o BNG vai presentar no Parlamento “propostas para reactivar esta xoia do noso patrimonio material e inmaterial” que é Ribeira Sacra, ao tempo que pide á Goberno do PP que tome nota e aprenda deste fracaso para rectificar algunhas das políticas máis lesivas con esta comarca e co conxunto do territorio que, destacou, están detrás da maior parte das críticas do ICOMOS.
“Unhas críticas moi severas que retratan o decadente perfil das políticas practicadas polo PP desde hai 12 anos viradas de costas ao coidado do territorio, que comprometen o noso futuro demográfico, ambiental, paisaxístico, social, patrimonial e económico”, lamentou a deputada do BNG.
Queixas tamén fixo unha segunda recomendación ao Goberno durante o debate co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez: “abandonen a súa habitual soberbia política e comecen a estrearse na reconfortante práctica de aprender con humildade e empatía, escoitando persoas e colectivos que coñecen a Ribeira Sacra no seu conxunto. De telo feito, probabelmente non teriamos que chegar a pasar esta vergoña colectiva”, concluíu.