O BNG arranca a precampaña das Municipais coa proclamación dos candidatos e candidatas das grandes cidades

Ana Pontón no Consello Nacional
Ana Pontón no Consello Nacional

Ana Pontón: "As eleccións locais son o primeiro paso para o cambio político que Galiza precisa e que aspiramos a liderar"

As forzas políticas estatais demostran cos feitos que se alternan na discriminación a este país, denuncia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón manifestou hoxe, que o BNG encara as eleccións municipais “coa tranquilidade de ter unha organización unida, solvente e cun proxecto claro para mellorar a vida dos e das galegas desde os concellos” e moi poucos, dixo, “poden dicir o mesmo”.

Hoxe este Consello nacional, anunciou Pontón,  ratificou as candidaturas das sete cidades galegas proclamando candidatos e candidatas, a Francisco Jorquera pola Coruña, Iván Rivas por Ferrol, Goretti Sanmartin por Santiago, Ruben Arroxo por Lugo; Luis Seara por Ourense, Xavier Pérez Igrexas por Vigo e Miguel Anxo Fernández Lores por Pontevedra e resaltou que todas estas persoas non foron escollidas por “ningún dedazo”, o resultado dun proceso asembleario onde é a militancia quen decide.

Para a nacionalista, a fortaleza do BNG son “os nosos gobernos municipais cun  proxecto propio para Galiza”  e neste  sentido aludiu  a Pontevedra como  única “cidade referente internacional cun modelo propio” porque mellorou a calidade de vida,  reduciu a mortalidade por atropelos,  reduciu as emisións contaminantes, apostou polo comercio local e pola nosa cultura e identidade”, contrariamente, outras só destacan pola súa parálise, como Ourense incapaz de aprobar os orzamentos municipais  ou  polo despilfarro en luces para tapar a falta  dun proxecto político para esa cidade.

Consello NacionalQue Pontevedra sexa o referente de transformación dunha cidade non é casualidade,  remarcou Pontón, é  porque hai un proxecto xenuíno detrás, porque no BNG temos un proxecto de país que se aplica  nos concellos que gobernamos e os concellos son piares  para a vertebración de Galiza e a súa construción nacional.

No BNG, dixo a líder do BNG “queremos  concellos que ofrezan alternativas propias, centradas na nosa realidade, que reforcen a nosa identidade e autoestima como galegas e galegos. Concellos onde o galego e a nosa cultura  sexa defendida e apoiada .Queremos concellos comprometidos co público, que garantan a boa xestión da cada euro que sae do peto das cidadás, e que non despilfarren en obras megalómanas e  erradiquen calquera tipo de favoritismo”.

Queremos concellos “onde a igualdade de xénero sexa elemento transversal das políticas públicas, concellos que melloren a vida das veciñas e veciños con servizos públicos, con calidade urbana, apostando por recuperar o espazo público para as persoas e superando a vella concepción das cidades como almacén de coches, pero tamén queremos concellos que defendan e poñan en práctica os principios democráticos máis avanzados: radicalidade democrática, defensa dos dereitos colectivos e individuais, participación social e laicismo.”

Pontón manifestou  que “o  BNG está a alza e iso vai notarse nas municipais e abriu as portas “a todas as persoas que compartan con nós a necesidade de defender Galiza, o seu dereito a decidir e construír alternativas que melloren a vida das maiorías sociais”.

O BNG RECLAMA  UNHA AXENDA GALEGA

Na súa intervención Pontón volveu a reclamar  “unha axenda galega” que sitúe  no mapa a Galiza e fronte a irrelevancia política a que nos conducen as forzas estatais, incapaces de ter un proxecto propio de país porque mentres nos teñen entretidas con másteres, plaxios e demais corruptelas,  “dispárase a factura da luz, os carburantes están polas nubes, súbennos outra vez as peaxes da AP9 e non hai solucións á precariedade e emigración da xente nova”.

Por iso desde o BNG queremos impulsar “unha axenda galega”  para rebaixar o prezo da luz cunha  tarifa propia,  unha AP-9 libre da estafa das peaxes, poñer fin á ilegal e inmoral prórroga de Ence, unha  Facenda propia que nos permita ter unha fiscalidade xusta para  recadar todos os impostos, o que nos daría cada ano 3.500 millóns de euros máis para sanidade, educación, dependencia e creación de emprego e  unha axenda galega que posibilite  un novo marco político para decidir como galegos e galegas sobre o noso futuro”.

A portavoz do BNG cualificou de  “realidade teimuda” a que  constata un  cambio de goberno   onde PP e PSOE, co apoio de Podemos, cambian de posición en función de se están no goberno ou na oposición. “Temos a un Pedro Sánchez convertido en alternancia na discriminación con Galiza, co silencio cómplice de todos os deputados e deputadas electos e temos a un  Feixóo máis preocupado de ser o recadeiro de Casado, que por solucionar  os problemas dos galegos e das galegas”.

Onte mesmo, explicou Pontón,  tivemos no Congreso un exemplo coa aprobación  da exhumación de Franco do Val dos Caídos, e parécenos ben. Pero o que xa non nos parece tan ben e que se esquezan que para exhumar os restos do franquismo hai que devolverlle o Pazo de Meirás ao seu propietario que é pobo de Galiza.

LEMBRANZA A BAUSTISTA ÁLVAREZ

 Na súa alocución, a  portavoz nacional do BNG fixo unha mención á memoria de Bautista Álvarez, falecido hai un ano e do que dixo  sempre  “estará con nós”, pero sobre todo, sempre  lembramos “a  súa paixón por facer de Galiza un país próspero e con xustiza social, e Bautista sabía ben que para conseguir ese obxectivo, o camiño era, e sigue sendo, a defensa do dereito de Galiza a decidir sobre si mesma,  a autoorganización e que o BNG é a mellor ferramenta que ten este país para poder avanzar, porque se algunha nación sen estado precisa do nacionalismo esa é Galiza”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG