O deputado Néstor Rego defendeu hoxe a continuidade da actividade naval na cidade de Ferrol durante a súa visita para explicar os investimentos e as medidas que afectan a esta comarca e que se acadaron no acordo de investidura co partido socialista. Durante o día de hoxe mantivo unha reunión cos traballadores e traballadoras de MEGASA e unha visita á veciñanza de Moeche para tratar os problemas de infraestruturas que afectan a esta zona.
Destaca o deputado que o realmente significativo, é que a volta do BNG o Congreso supuxo para Galiza estar presente de novo no panorama político do Estado, isto significa, unha maior atención aos problemas e investimentos necesarios para poder resolvelos. O BNG foi capaz de alcanzar este magnífico acordo e desbloquear a solución de problemas urxentes para o noso país con tan só un deputado. Rego salienta que "non ten que ver coa cantidade senón co posicionamento co que se actúa no Congreso". O deputado nacionalista critica que outras formacións de ámbito estatal e cun maior número de deputados e deputadas non conseguiron, nin sequera intentaron, solucionar ningún destes problemas. Fai unha mención especial o presidente da Xunta, Núñez Feixóo, que logo dunha década gobernando Galiza, incluso tendo o seu propio partido no Goberno central durante sete anos, non foi capaz de acadar ningún tipo de transferencia, mellora de investimentos, rebaixa de peaxes, o pago da débeda do Estado a Galiza, nin compromisos firmes para solucionar a crise industrial.
En relación co acordo, o deputado detalla moitas cuestións de relevancia como a disposición a transferir as competencias que hai marcadas no Estatuto galego, até garantir que Galiza manterá o mesmo status que o resto de nacións do estado de haber algunha modificación territorial. Tamén destaca a solución a alternativa de Endesa, unha alternativa xusta para As Pontes máis tamén para Cerceda. Os descontos da AP-9 para aqueles usuarios e usuarias recorrentes, isto é, aqueles vehículos que fagan dúas ou máis viaxes no mesmo día. Rego lembra que esta autoestrada vertebra o país pasando polas principais cidades galegas e onde se concentra máis poboación e tecido industrial. Os descontos na AP-9 comezarán a aplicarse no momento no que haxa orzamentos e "que se verán reflectidos na mellora da economía" afirmaba.
Compromiso en referencia con outras vías de comunicación como a ferroviaria, un maior investimento e modernización das mesmas, específicamente na liña de Ferrol - A Coruña, rematar a conexión do eixo Atlántico e a modernización da liña FEVE que conecta todo o norte de Galiza.
Para o BNG os estaleiros de Navantia teñen a capacidade de competir con calquera outro estaleiro e afirman que agora se poderán desenvolver toda as accións necesarias para que isto se converta nunha realidade. O deputado anunciou que a vindeira semana presentará no Congreso unha proposición non de lei cunha serie de medidas para garantir a carga de traballo en Navantia, así como para que o Goberno adiante a construción de fragatas e busque o mesmo tempo a forma de dotar de carga de traballo os estaleiros.