O BNG acusa á Xunta de malgastar os fondos FEDER destinados ao saneamento da auga

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda critica que o goberno galego presuma de que o 80% das augas galegas están en bo estado cando hai zonas pechadas ao baño e ao marisqueo desde hai anos
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, acusa a Xunta de malgastar os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDERr) destinados ao saneamento da auga. “Estamos vendo como a Xunta gastou os cartos que viñan de Europa sen facer obras dimensionadas ás necesidades reais e cunha capacidade axeitada”, salienta Miranda ao tempo que anuncia o trasladado á Comisión Europea dunha iniciativa parlamentar solicitando a elaboración dun estudo sobre o impacto dos fondos na depuración de augas e a construción de depuradoras feita polo Goberno galego.

“Estamos nun momento moi importante, no que a Comisión ten posto en marcha un proceso de revisión da normativa da auga e do que vai saír a próxima Directiva Marco da Auga”, explica Miranda, quen defende que a Comisión sexa coñecedora da realidade galega. “Se hai deficiencias deben saír a luz, e non ocultarse, a efectos de ter unha previsión do que pode contemplar a próxima Directiva e dos fondos que se destinen para reparar as disfuncións que existan”, subliña, ao tempo que sinala que negarlle a Europa a información “pode condicionar unha solución nos próximos anos no saneamento das nosas augas”.

A portavoz do BNG en Europa critica que a Xunta pretenda tapar ante á Comisión unha situación ambiental moi grave das augas, presentando unha Auditoría que aborda o funcionamento das depuradoras, na que responsabiliza aos concellos, pero que obvia valorar o principal problema destas instalacións, o feito de como foron construídas, con deseños incapaces de admitir caudais de auga propios de zonas nas que chove moito.

Estudo completo

Segundo destaca Miranda, ten que investigarse unha realidade que os propios concellos recoñecen pero que se tenta que non transcenda. “É necesario que se audite canto caudal de auga residual é aliviada antes de entrar en cada unha das depuradoras galegas, ante unha suposta incapacidade de admitir caudal maior, pasando directamente aos ríos”, indica Miranda.

Resulta moi grave que Galiza poida ter sustentado a súa capacidade depuradora nas últimas décadas en deseños tecnolóxicos que desdeñaron o feito de que aquí chove e que non se tiveran construído redes separativas de augas fecais e pluviais de maneira acorde cunha capacidade real das depuradoras para tratar eses caudais. Galiza conta cunhas precipitacións medias ponderadas de 1.180 mm fronte os 667 mm estatais, “o cal debería terse considerado coma unha cuestión elemental no deseño e construción das depuradoras para que estas puideran adaptarse á particular situación pluviométrica do país e da súa dispersión”.

Capacidade insuficiente

Segundo explica a portavoz nacionalista, aínda que as competencias do tratamento de residuos sólidos como da depuración de augas residuais son municipais, a administración galega acometeu a construción de depuradoras e redes de saneamento cunha capacidade insuficiente utilizando fondos europeos. “Temos a dúbida de se as depuradoras construídas, xunto coas súas redes separativas de augas (pluviais de fecais) están ben dimensionadas e teñen a capacidade suficiente”, indica Ana Miranda, así como infraestruturas executadas con fondos europeos que non se utilizan, como a de Cabanas, neste caso de mellora do abastecemento para o polígono de Vilar de Colo.

Para Miranda, o desleixo das administracións estatal (que aínda non solicitou a Bruxelas os fondos para a rexeneración da Ría do Burgo pese a estar xa dispoñibles), autonómica e municipal fai que Galiza teña unha rede de saneamento “deficiente e ineficaz”. Ao seu xuízo, “non é de recibo que 28 anos despois de que Bruxelas establecera uns parámetros mínimos de calidade das augas, o goberno galego presuma de que está cerca de conseguir que o 80% están en bo estado e que o seu obxectivo sexa chegar ao 98% en 2021” cando hai zonas pechadas ao baño e ao marisqueo desde hai anos.

“Lamentablemente, en Galiza non temos unha situación que nos permita presumir do estado das nosas augas nin de dar os pasos necesarios para cumprir a Directiva Marco da Auga, e ter a previsión do que poida deparar a nova Directiva”, subliña Ana Miranda.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG