O viceportavoz segundo do BNG no Parlamento, Luís Bará, acusou ao Goberno de Rueda de acometer cambios na estrutura da Xunta tan só pensando en aplacar as liortas internas do seu partido e para responder aos intereses dos lobbies económicos e á estratexia marcada polo PP dende Madrid. “O novo Goberno na Xunta vainos saír máis caro pero non vai axudar a resolver os grandes desafíos que ten por diante a economía e a sociedade galega”, advertiu.
O deputado do BNG analizou nunha rolda de prensa o novo organigrama na Xunta, no que tamén se fixeron “cambios cosméticos” para agochar o “fracaso estrepitoso” das políticas do PP -en Sanidade, por exemplo- e modificacións que supoñen unha “regresión” no desenvolvemento dalgunhas competencias, como ocorre con Igualdade.
Como mellor exemplo dos cambios feitos en clave de “liortas internas”, Bará referiuse á “degradación” de Diego Calvo tras perder a vicepresidencia primeira da Xunta e o control das delegacións territoriais. “A cambio -apuntou- recibe como regalo envelenado as competencias de Mobilidade, que están detrás da destitución de Ethel Vázquez como conselleira polo caos e xestión errática neste ámbito”.
O deputado do BNG achacou así mesmo o cese de José González como conselleiro de Medio Rural ás presións territoriais do PP para influír nun organigrama no que gañan peso, precisou, os populares de Lugo e perden os de Ourense ou Vigo.
Criticou, por outra banda, a “maquillaxe” feita nalgúns departamentos da Xunta e, neste sentido, apuntou directamente á destitución de Julio García Comesaña como titular de Sanidade e á renovación de toda a cúpula desta consellería, o que supón “un recoñecemento do fracaso estrepitoso pola degradación e deterioro continuado da asistencia sanitaria e, sobre todo, da Atención Primaria”. “A solución non é o cambio de persoas, senón o cambio de políticas”, considerou.
No que ten que ver coa “desvalorización” de áreas estratéxicas e prioritarias, Bará reprobou os cambios en Igualdade, que xa non é Secretaría Xeral e queda dividida en dúas direccións xerais, por un lado Promoción de Igualdade e, polo outro, Loita contra a Violencia de Xénero. Trátase, segundo dixo, dun “paso atrás” e un “retroceso importante” porque supón “perda de peso político e transversalidade” das políticas que teñen que ver coa igualdade e os dereitos das mulleres.
Igualmente, considerou “moi preocupante” a desaparición de Ordenación do Territorio do organigrama da Xunta, que xa non ten dirección xeral ni forma parte do nome de ningunha consellería, dúas evidencias da “política de degradación do territorio do Goberno de Rueda”, que apoia proxectos “depredadores” como o de Altri en Palas de Rei e devalúa os instrumentos de planificación nunha “especie de barra libre”.
O portavoz de Medio Ambiente do BNG censurou, por outra banda, as modificacións feitas na estrutura da Xunta para dar resposta aos intereses de grandes lobbies económicos, sobre todo do ámbito da enerxía e pasteiras “que en moitos casos deciden as políticas da Xunta e os cambios legais”. A “liquidación fulminante” da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) en contra da opinión unánime das asociacións do sector é un exemplo deste tipo de cambios na Xunta que, neste caso concreto, podería estar reclacionado con intereses “pro eucalipto” e o fin da moratoria desta especie.
Segundo Bará, a presións empresariais responden tamén os cambios na Dirección Xeral de Enerxía Renovables e Cambio Climático e á duplicidade de funcións coa Dirección Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético. Á fronte do primeiro destes departamentos, censurou, vai estar Paula Uría, un nomeamento que significa “poñer ao lobo a coidar das ovellas” porque vén de traballar como “representante no Goberno galego do lobby eólico”.
Dirección Xeral de Confrontación Institucional
O viceportavoz nacionalista subliñou, por outra parte, as modificacións “especialmente preocupantes e alarmantes” feitas na propia Presidencia da Xunta, coa creación da Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais -“que en realidade parece unha Dirección Xeral de Confrontación Institucional ao servizo da estratexia partidista do PP de Madrid”- e dunha Oficina de Coordinación Económica con rango de secretaría xeral que duplica atribucións que xa ten a Oficina Económica da Consellería de Industria.
“Isto non é desburocratizar”, advertiu o deputado pontevedrés, para quen a nova oficina de Presidencia supón unha “desautorización en toda regra” á Consellería de Industria.
“Temos un goberno dividido, regresivo, sometido a estratexias dos lobbies económicos e do PP de Madrid, e un goberno que nos sae moi caro polo incremento de consellerías e outros órganos”, concluíu.