BNG lamenta a deriva radical emprendida polo PP de Feixóo, cada vez máis mimetizado coa extrema dereita, á que agora se suma na campaña de criminalización da cidadanía que se manifesta na rúa en defensa do que considera xusto, e nun momento non que se suceden condenas que cuestionan a liberdade de expresión.
Para a formación nacionalista, é preocupante que a alianza PP-Vox en moitas comunidades autónomas está “contaminando” ao conxunto do PP cada vez en posicións máis ultras e radicalizadas.
O BNG deixa claro que condena a violencia, “todo tipo de violencia, pero non imos secundar a unha campaña orquestrada polo PP para criminalizar aos galegos e ás galegas e a unha cidadanía que decide exercer os seus dereitos fundamentais, como o de saír a rúa a manifestarse polas causas que consideren xustas. Non imos colaborar con esa estratexia do PP e dos seus aliados da extrema dereita”, advirte a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.
“Resulta chocante que o PP, o partido condenada por corrupción e ademais aliado da extrema dereita machista, racista, xenófoba e antigalega se dedique agora a examinar aos galegos e as galegas de democracia e a repartir títulos de demócratas”, criticou Rodil.
O Bloque tamén chama a atención sobre o feito de que a pretendida declaración “institucional” fose anunciada a semana pasada en rolda de prensa na sede do PP, “até ese punto confunde o PP de Feixóo a institución parlamentaria co partido e usa a Cámara como se fose un apéndice do partido”.