BNG acada un acordo unánime no Parlamento para que a Xunta medie no conflito laboral no Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carrera subliña  que o persoal  facultativo e  pacientes son os grandes prexudicados ante a  falta de organización do servizo por “un irracional” reparto das axendas  e dos  quirófanos 

A portavoz de Sanidade hospitalaria do BNG, Iria Carreira acadou un acordo unánime para que a Xunta medie no conflito laboral do Servizo de Otorrinolaringoloxía do CHUS, cuxo persoal facultativa mantén unha folga indefinida,  dende comezos do ano 2022.

Na exposición da proposición non de lei, aprobada por unanimidade, na comisión parlamentaria de sanidade, a nacionalista explicou que a folga responde ao conflito xerado entre a xefatura do servizo e a práctica totalidade do persoal facultativo.

A actual folga, dixo a deputada ven precedida de mobilizacións para demandar melloras no servizo, entre as que destacou: racionalizar as axendas das consultas e rematar co reparto desigual dos quirófanos , con consecuencias para os e as profesionais xa que a “capacitación para a cirurxía depende das horas de quirófano”. Esta circunstancia, afirmou “dinamita o principio de formación continuada requirido para calquera actividade asistencial”.

Por outra parte, engadiu que a  falta de organización da actividade asistencial, colide con outras actividades realizadas polas profesionais do servizo, “moitas delas,  profesoras asociadas na Universidade de Santiago de Compostela”, que tras  solicitar o preceptivo permiso para impartir  aulas, deben atender a  pacientes citados a esa mesma hora no hospital. Esta situación, a xuízo da deputada, representa “unha  sobrecarga laboral” para o persoal facultativo e un problema para os  pacientes que deben agardar nunhas salas, a miúdo xa saturadas.

En xuño de 2021, lembrou a deputada, 10 facultativas do servizo remitiron unha carta á Xerencia explicando a situación de “desorganización” e coa  vontade de atopar unha  solución ao conflito. Nunha primeira instancia, son derivados ao Director Asistencial do centro, pero finalmente en xullo conseguen unha xuntanza coa xerente, quen lles solicita tempo para avaliar.

Neste proceso de avaliación, en agosto constitúese unha comisión de análise que se entrevista con todo o persoal do servizo durante os seguintes meses que emite  un informe que a Xerencia eleva a Inspección, pero  “ningún dos denunciantes nin dos entrevistados coñece o contido dese informe”. Ante a falta de resposta, no mes de  novembro,  inician  paros para poñer de manifesto a súa situación pero rematado o ano e sen obter un pronunciamento por parte da Xerencia, os otorrinos de Compostela deciden inicial unha folga indefinida, a comezos do 2022.

A folga, engadiu a nacionalista, conta co apoio de máis do 75% dos profesionais  e a semana pasada só pasaron consulta “tres de doce especialistas”, o que levou á suspensión de tres de cada catro citas programadas (95 dun total de 133), cunha estimación de máis de cincocentas consultas anuladas desde que deron comezo as xornadas de folga.

Carreira agradeceu o apoio  dos grupos parlamentarios á proposta do BNG para que a Xunta medie no conflito do servizo de otorrinolaringoloxía do CHUS.

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG