Axudas directas e fiscais para concellos e particulares afectados polas inundacións, proposta do BNG

Ana Pontón co goberno de Carballo visita zonas afectadas polas inundacións

O BNG vai reclamar no Parlamento que se habiliten axudas directas aos Concellos e aos particulares afectados polas inundacións destes pasados días, especialmente importantes en concellos como Sada e Carballo, para paliar os prexuízos económicos no entorno público e nos bens privados nun momento de dificultade económica evidente onde dar unha resposta rápida permitirá a moitas familias manter as súas fontes de ingresos.

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou esta proposta durante a súa visita ao concello de Carballo para coñecer directamente os efectos dos asolagamentos.

Neste sentido, avanzou que o Bloque vai presentar na Cámara galega unha batería de medidas. En primeiro lugar, sacar de inmediato unha orde de axudas para paliar os danos, -tanto os que afectan ás infraestruturas dos municipios como os causados a particulares-, en segundo lugar, que se habiliten partidas específicas por parte do Goberno central que tamén inclúa beneficios fiscais ás actividades de comercio ou empresarial afectadas.

En definitiva, explicaba Pontón, “tanto a Xunta como o goberno central deben habilitar medidas de apoio directo e indirecto para compensar as pequenas e medianas empresas, ao comercio, é dicir, á actividade económica que ten moita importancia a nivel local e para a que debe haber unha resposta axeitada que non se está a producir neste momento”.

Ana Pontón co goberno de Carballo visita zonas afectadas polas inundacións

Por último, o Bloque levará ao Parlamento medidas a adopción de medidas estruturais que eviten que se repitan situacións como as vividas estes días en diversos concellos do país. “É evidente que hai un problema de inundacións, que hai unha realidade construída que condiciona, e a Xunta debería dar prioridade á limpeza de ríos e a execución das medidas pendentes para a prevención de asolagamentos”, subliñou a tamén deputada.

Pontón evidencia que existiron prácticas urbanísticas que non tiveron en conta a realidade física do territorio, “pero botamos de menos unha actuación máis decida por parte do executivo galego, que nesta materia ten moito traballo por facer”, concluíu.

A portavoz nacional fixo un percorrido pola área de San Martiño acompañada polo grupo municipal, e puxo en valor a xestión da equipa de goberno que favoreceu a contención dos danos, grazas por exemplo a manter limpo o couce do río ao seu paso por Carballo, ou medidas previstas como a demolición dunha edificación que permitirá ganar espazo na zona de asolagamento.

As axudas estarían dirixidas a persoas físicas ou xurídicas nos concellos afectados para cubrir danos persoais e patrimoniais, de bens vinculados ás actividades económicas, establecementos comerciais, mercantís ou turísticos. No caso dos concellos, a idea é facilitar o finaciamento dos danos causados en infraestruturas e servizos públicos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG