parlamento galego

Atención primaria, as peaxes nas autovías, eólicos e lingua, centrarán as iniciativas do BNG no vindeiro pleno

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil destacou a grande resposta social na concentración convocada por Queremos Galego contra o modelo lingüístico da Xunta e urxe ao goberno a cambiar a súa política lesiva no uso do galego

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil anunciou que o BNG centrará o vindeiro pleno do Parlamento galego na necesidade de incrementar os recursos en Atención Primaria, as peaxes das autovías, os proxectos eólicos lesivos para Galiza e o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística.

Rodil avanzou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  preguntará a Núñez Fáixoo pola necesidade de incrementar os recursos en Atención  Primaria ante os continuos recortes e recalcou que a Xunta “aproveita a pandemia para afondar no deterioro da sanidade pública” de maneira especial “na base do sistema sanitario” culpabilizando ao colectivo de profesionais das listas de agarda ou o atraso nas citas co médico de cabeceira.

“O BNG urxirá ao goberno a  reforzar, con máis recursos e persoal, á Atención Primaria despois dun ano de pandemia que deixou ás profesionais exhaustas e puxo ao límite unha sanidade pública vítima de grandes  recortes antes  da crise sanitaria”, afirmou.

Un novo modelo de política lingüística para o ensino

A deputada explicou  que onte en Compostela milleiros de persoas  encheron  a Praza do Obradoiro convocadas pola plataforma Queremos Galego, e avanzou que o BNG levará ao pleno unha Moción instando á Xunta  a cumprir a Lei de Normalización Lingüística consensuando “un novo modelo lingüístico educativo” que poña fin ás actuais políticas e garanta pleno coñecemento do alumnado  da súa lingua propia ao rematar o ensino obrigatorio.

Neste sentido, lembrou que sucesivos estudos e informes, tanto da Academia como do Consello da Cultura ou máis recentemente do Consello de Europa advirten que cada vez  “máis nenas e nenos neste país rematan os seus estudos sen ter competencias plenas en lingua galega” e iso débese á pervivencia de barreiras e atrancos para a aprendizaxe. Entre outras razón, dixo, porque o Partido popular leva hai máis dunha década prohibindo  impartir en galego materias como Física e Química, Matemáticas e Tecnoloxía.

O goberno, recalcou Rodil, vulnera de maneira “deliberada” os dereitos lingüísticos.  Sen coñecemento non hai liberdade de escolla. Como vai escoller  a mocidade deste país usar unha lingua que non domina, na que non ten competencias plenas e que ademais non fai parte da súa vida diaria como lingua ambiental? preguntou.

Ademais, o BNG defenderá unha  Proposición non de Lei contra as peaxes nas autovías de titularidade estatal despois de que o Goberno español volvese reabrir este debate. Queren obrigar aos galegos e galegas a pagar unhas autovías que xa están pagadas cos impostos. As peaxes das autovías, engadiu terían un enorme impacto económico e no tecido empresarial  nun país cun pronunciado carácter periférico. As peaxes influirán moi negativamente na competitividade das empresas galegas.

Eólicos lesivos para o territorio galego

A viceportavoz salientou as numerosas  mobilizacións que se están  a producir contra os proxectos de parques eólicos que ameazan espazos de enorme valor ambiental, ecolóxico e patrimonial.

O BNG defenderá outro modelo eólico, a través dunha proposición non de le,i que inclúe un deseño dun novo plan sectorial que cunha clara aposta polas  enerxías renovables nun  proceso de transición enerxética que deixe atrás os combustibles fósiles e  que produza riqueza en Galiza e non só beneficios para un  único oligopolio eléctrico.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG