parlamento galego

Aprobada por unanimidade a proposta do BNG para poñer en marcha un Plan de rescate da hostalería con axudas inmediatas e a fondo perdido

Daniel Pérez
Daniel Pérez

O Plan proposto polo BNG non impide o avance do Plan de Cooperación anunciado pola Xunta pendente de consenso cos concellos e deputacións  

Daniel Pérez lembra que a crise levou por diante  11.000 empregos nun sector que  ocupa a  60.000 persoas en Galiza e xera máis de 300 mil empregos indirectos

O deputado do BNG, Daniel Pérez volveu a levar ao Parlamento a “situación crítica” da hostalería galega e a urxencia de medidas para asistir a un sector gravemente afectado polas restricións da pandemia “dende hai moitos meses” polo que reiterou a urxente posta en marcha “dun plan de rescate” con axudas directas e a fondo perdido que foi aprobado “por unanimidade” na Comisión de Enerxía, Comercio e Turismo.

O deputado do BNG  explicou que o plan de rescate proposto polo  BNG non substitúe ao Plan de Cooperación  da Xunta presentado “de maneira unilateral e sen dialogo co resto das administracións implicadas” e aínda pendente de ser consensuado pola Xunta, concellos e deputacións.

Neste sentido, lembrou  que a Xunta conta con máis recursos que nunca, 11.600 millóns de euros que deben chegar a aqueles sectores que “peor o están a pasar” e sen dúbida algunha, a hostalaría e un dos máis afectados. “As administracións deben aportar a mesma porcentaxe” e por exemplo, dixo,  se a Xunta compromete o 1% dos orzamentos, os concellos e deputacións deben aportar tamén o 1% dos seus orzamentos.

A hostalería gravemente afectada pola pandemia

Na súa intervención, o nacionalista  sinalou  que o sector da hostalería perdeu máis de 11.000 empregos, ocupa a 60.000 galegos e galegas e xera 300 mil empregos indirectos.

O deputado recalcou que a situación económica da hostalaría “é moi grave” e precisa de medidas urxentes. O goberno galego, dixo, debe abandonar “a propaganda” con plans de rescate sen efecto no sector como o anunciado para a Cultura e Turismo, que non contiña ningunha  liña a fondo perdido e con  axudas para a dixitalizacións e liñas de crédito brandas, medidas ás que poucos hostaleiros e hostaleiras se acolleron ante o evolución do virus e a incerteza de continuar abertos o que provocou as reticencias do sector para endebedarse.

As medidas publicitadas pola Xunta, afirmou, “foron parches” e non compensaron nove meses sen  facturación con que  facer  fronte aos gastos

correntes e alugueiros. As axudas para instalar terrazas demostran que a Xunta vive “nun mundo paralelo” e descoñece o clima do noso país ao que sumou os problemas de moitos establecementos para  instalar unha terraza.

Ademais, engadiu, “as medidas chegaron tarde” como evidencia o cerre de moitos establecementos míticos  e outros que  baixan os enreixados de forma anónima como  amosou o sector con protestas e mobilizacións no mes de decembro que continúan hoxe ou a “peregrinación” da hostalaría de Pontevedra a Santiago, unha peregrinación “máis nutrida que os peregrinos que recorren o Camiño e  o recorrerán até o verán”.

O nacionalista lembrou que recentemente, a Xunta presentou un “Plan de Cooperación” para canalizar as axudas futuras do sector no que  a Xunta portaría o 50%, as deputacións o 30% e os concellos 0 20%. É momento de arrimar o ombro e a Xunta “non pode comprometer os orzamentos doutras administración” nun plan a tres bandas. A Xunta presentou o plan “sen unha negociación previa e comprometendo os orzamentos doutras administracións”.

O Plan de cooperación non  canalizará “de forma inmediata” as axudas que reclaman os hostaleiros e por iso dende o BNG reclamamos un “Plan de rescate” con “axudas directas” extraordinario e urxentes que respondan á falta de “liquidez abafante” do sector. O acordo acadado hoxe no Parlamento galego tamén  inclúe a simplificación dos trámites para acceder ás axudas e ampliar  a carencia do préstamos da Xunta e do ICO.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG