parlamento galego

Apoio unánime ao BNG para esixir a Sanidade máis persoal nos centros de Ponteareas e toda a área de Condado-Paradanta

Cristina Fernández
Cristina Fernández
Cristina Fernández denuncia a falta de pediatras, un bo número de prazas sen cubrir e esperas de ata dúas semanas para obter consulta médica

A deputada Cristina Fernández Davila denunciou este xoves no Parlamento as deficiencias na atención sanitaria que está a sufrir a veciñanza de Ponteareas e de toda a comarca do Condado-Paradanta pola falta de persoal sanitario e non sanitario, unha escaseza que se agrava na época do nadal e no verán e que fai que se saturen aínda máis os servizos de urxencias.

Fernández Davila fixo esta denuncia durante a defensa dunha proposición non de lei, que foi aprobada por unanimidade, para solicitar á Consellería de Sanidade que dote de máis persoal facultativo, de enfermería e non sanitario ao centro de saúde e o PAC de Ponteareas de maneira que se podan substituír baixas laborais, vacacións e permisos e así prestar unha atención sanitaria de boa calidade á poboación deste concello e da súa comarca. 

Reclamou así mesmo a cobertura das vacantes por xubilacións, traslados ou incapacidades para evitar a saturación e a sobrecarga das axendas ou que os doentes se vexan obrigados a acudir ao servizo de urxencias por non dispoñer de médico ou pediatra no dentro de saúde.

A deputada nacionalista, que estendeu a reclamación de máis persoal e cobertura de prazas a todos os centros sanitarios da comarca, comezou a súa intervención denunciando que o centro de saúde e o PAC de Ponteareas levan máis de dous anos nunha situación de “caos e colapso”, até o punto de que milleiros de persoas da quenda de tarde carecen de médico de familia asignado e teñen que ser atendidas por persoal de urxencias ou facultativas diferentes cada vez. O centro funciona agora cun terzo do cadro de persoal, falta un pediatra e neste intre atenden en torno a dez médicos ou médicas de familia, cando hai quince prazas no cadro de persoal.   

Na Caniza, expuxo Fernández Davila, non hai pediatra a día de hoxe e desvían ás familias a Arbo, e as esperas por unha consulta chegan aos dez días. En Arbo, a pediatra atende só dous días á semana e, como non se cobren baixas, a agarda por consulta pode ser de seis días. Nas Neves estiveron sen pediatra no verán e agora teñen unha compartida, sendo neste caso a espera por consulta dunha semana. En Crecente, a médica do consultorio de Valeixe está de permiso de maternidade e non ten substituta.

En Mondariz, médico e pediatra  repartiron a súa xornada con Salvaterra e no caso do pediatra tamén coas Neves e O Covelo durante o verán. Neste concello están agora sen pediatra e a veciñanza espera quince días por unha consulta, denunciou Fernández Davila no transcurso do debate parlamentario.

A deputada nacionalista debullou polo miúdo a situación de precariedade na atención sanitaria da comarca e, neste sentido, apuntou que tamén en Mondariz Balneario están sen pediatra, igual que no Covelo -onde tampouco se substituíu ao médico- e en Salvaterra do Miño.

Carencias todas estas, subliñou, que ten levando a veciñanza de toda a comarca a protestar na rúa. Trátase dixo, de familias  “desesperadas” porque teñen que desprazarse ata o Cunqueiro para que os seus fillos sexan atendidos, ou porque ven como se lles da unha cita para dúas ou tres semanas máis tarde ou como non se axilizan as citas preferentes para probas diagnósticas ou porque “non coñecen de nada nin a eles os coñece a persoa facultativa que os atende” .  

“Un cúmulo de despropósitos que desembocan neste intre nunha situación insostible da que depende a vida das persoas usuarias da sanidade no Condado-Paradanta”, sintetizou logo de salientar que esta é a zona da área sanitaria de Vigo “máis castigada e con menos recursos de persoal sanitario e administrativo” malia que conta cunha poboación de preto de 60.000 persoas.

  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG