A deputada defendeu unha Moción instando á Xunta a cumprir a legalidade en materia de dereitos lingüísticos conforme ao estipulado na Carta europea das linguas rexionais e minoritarias e acatar as recomendacións do Comité de Expertos
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón reclamou hoxe, a través dunha moción, elaborar un novo decreto que regule a normalización da lingua galega no ensino obrigatorio, corrixir o marco legal para que as autoridades xudiciais do penal, civil e administrativo en Galiza poidan desenvolver os procesos en galego, fomentar a creación ou mantemento de polo menos un xornal en lingua galega e negociar un acordo co Goberno portugués para facilitar a recepción da radio e televisión portuguesas en Galiza.
Pola súa parte, o portavoz popular, Agustín Bahamonde acusou a nacionalista de facer unha lectura sesgada da Carta europea e afirmou que o goberno galego está disposto a cumprir as recomendacións do último informe do Comité de Expertos polo que anunciou o voto desfavorable do grupo do Partido popular á moción nacionalista.
A parlamentaria replicou que o Goberno do Partido popular non quere avaliar a competencia lingüística porque sabe que é un desastre. A realidade, explicou Pontón é que vostedes mentiron ao consello de Europa e seguen convertendo os debates da lingua nun ritual de insultos, descualificacións e mentiras, iso si que é grave, recalcou, negar a realidade e vir aquí a dicir que derrogar o decreto é ilegal, non é ilegal, dixo, é unha decisión política que lle está a pedir a sociedade galega e desde o Consello de Europa pero vostedes néganse porque teñen un plan para arrinconar o galego no ámbito do ensino. Calquera goberno responsable e que cumpra as leis para garantir a igualdade de coñecemento o primeiro que farían é preocuparse por avaliar a competencia lingüística.
É de necios ir en contra do galego
A parlamentaria reiterou que o goberno galego enviou información a Unión europea falsa e retou ao conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, a visitar as notarías para que comprobe que non é o mesmo escriturar en galego que en español, hai unha diferenza de tres semanas, afirmou. Ademais tamén dixo que é mentira que existan numerosos produtos etiquetados en galego porque a maioría están en castelán.
Cando nace unha asociación para denunciar a marxinación nos medios da lingua galega, é indecente que vostedes manipulen e informen que é un avance que exista unha asociación de defensa do galego nos medios e que , o galego está moi ben cando saben que a posición do noso idioma diminuíu, tanto no audiovisual como na prensa escrita. Neste sentido, Ana Pontón lembrou que na etapa de Feijóo pecharon a únicas cabeceiras que utilizaban a lingua galega.
Todo o que vostedes fan contra o idioma galego, responde a unha decisión política necia e é de necios poñerse en contra do galego, concluíu.