Ana Pontón ve na subida de prezos por riba da media unha Galiza que vai peor

Ana Pontón
Ana Pontón
“Rueda ten que deixar de pecharse no despacho de San Caetano e explicar cales son as medidas do Goberno do PP ante a crise”, salienta

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha valoración do último dato de inflación que, unha vez máis, sitúa os prezos en Galiza por riba da media estatal, pese a ter salarios máis baixos e as segundas pensións máis baixas do Estado. Especialmente grave, indicou, é a evolución dos prezos de produtos básicos da cesta da compra: ovos (38%), aceite (35%), leite (34%), patacas (22%), azucre (63%). 

A líder do BNG interpreta que esta subida por riba da media é un síntoma máis de que Galiza vai peor que o conxunto do Estado e un novo argumento para insistir na súa demanda ao presidente da Xunta de que convoque canto antes o debate do estado da nación.

“Porque temos problemas moi graves que precisan solucións e un debate en profundidade para poñer sobre a mesa alternativas ante esta crise de prezos”, explicou, “e non podemos ter un presidente pechado no despacho de San Caetano, facendo de recadeiro de Feijóo e desconectado da realidade dos galegos e das galegas. Que convoque o debate do estado da nación porque as cousas non van ben, porque hai moita xente que o está pasando mal, porque Galiza en problemas graves e hai que dar solucións”.

Un IPC do 6,4% impacta nas familias e en miles de galegos e de galegas que non chegan a fin de mes, e son xa moitos meses acumulados de subidas de prezos, alegou, ademais de que a inflación por riba da media está impactando nos sectores económicos.

“Pero o Goberno do PP sigue cruzado de brazos, incapaz de tomar decisións de peso para ofrecer alternativas que axuden a quen máis o precise, ao contrario, sigue vetando propostas que poden mellorar a vida da xente: como recuperar a tarxeta básica de alimentos,  como a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz, como medidas para paliar os efectos da subida das hipotecas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG