A portavoz nacional, Ana Pontón, lamenta que á esquerda española se deixe “marcar o campo de xogo” pola dereita e atribúe o previsible adianto electoral de Pedro Sánchez a un mero cálculo electoralista, que usa a non aprobación dos orzamentos como escusa “para buscar un culpable a quen responsabilizar”.
Neste sentido, lembrou que o ex-presidente Mariano Raxoi “gobernou durante tres anos cos orzamentos prorrogados”.
En todo caso, Pontón considera que esta foi unha “lexislatura perdida” para Galiza totalmente ausente no debate do Estado, e ve na cita coas urnas para os comicios xerais unha oportunidade de volver darlle peso político a este país da man dunha forza propia como o Bloque.
“As eleccións son unha oportunidade para cambiar o que non nos gusta, e non nos gusta que aos galegos e as galegas nos discriminen e nos traten como cidadanía de segunda”, recalcou.
Nesta lexislatura quedou en evidencia a “inutilidade” das forzas estatais, “que pasaron olimpicamente dos galegos e das galegas, inútiles á hora de defender os intereses deste país como acabamos de velo no debate das contas do Estado no que ningunha presentou emendas contra a discriminación de Galiza nas contas do Estado. Isto co BNG non pasaba”, subliñou.
Pontón ve na previsible convocatoria electoral a ocasión para “recuperar unha voz que nos defenda a través dunha forza política propia como o BNG. Calquera que sexa finalmente a data, imos estar aí”, concluíu.