Galegas 2020

Ana Pontón: “Somos a candidatura da mocidade”

Encontro mocidade 2
Encontro mocidade

Pide á xente moza “inconformista e rebelde” ser o motor do cambio galego optando por unha muller presidenta cunha mobilización masiva da man do BNG

Plan de emprego, plan retorna e banco de vivenda pública, entre as propostas para darlle un futuro á xuventude que se hoxe está entre a precariedade e a emigración

Pontón reta a Feixóo a que participe nos debates que están previstos e que non fuxa do contraste de ideas e propostas co BNG

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo un encontro con xente moza en Vigo á que convidou a ser o “motor” do cambio galego cunha mobilización masiva nas urnas este 12 de xullo, collendo a papeleta do BNG e facendo que, por primeira vez, Galiza teñan unha muller e unha nacionalista presidenta liderando o goberno do país.

“Pídolle á mocidade que sexa o motor do cambio galego porque estou convencida que se a mocidade inconformista, rebelde que non se resigna a ver como lle rouban o seu futuro se mobiliza nas urnas, imos ter un cambio galego e imos facer historia conseguindo que por primeira vez Galiza teña unha muller á fronte da Presidencia, que teña un goberno liderado polo BNG que servirá para que a mocidade saia da precariedade e da emigración á que a conduciron as políticas do PP”, salientou a candidata nacionalista.

Pontón agradeceu o apoio da xente nova á candidatura do BNG que recollen todas as enquisas e que, máis aló desa tendencia, tamén percibe na rúa, nos actos nos que está participando ao longo e ancho do país e nas redes sociais, onde a xuventude é moi activa.

“Somos a candidatura que máis apoio desperta entre a xente moza, somos a candidatura da mocidade”, proclamou, “e queremos ser tamén o goberno que consiga que os mozos e as mozas non teñan que seguir emigrando ou precarizad@s, por contra, queremos que teñan confianza no futuro porque unha mocidade desesperanzada é o maior fracaso que podemos ter como sociedade, hai que darlle oportunidades, que se sintan orgullosos e orgullosas nesta terra”. Neste sentido, e ante medio cento de mozos e mozas, Pontón apuntou as principias medidas que recolle e Bloque no seu programa de Goberno para a mocidade, centrándose naquela previstas para darlle a oportunidade de desenvolver o se proxecto vital no país e, por tanto, que afectan ao binomio traballo-vivenda.

Encontro mocidade 3En materia laboral, o BNG recolle a posta en marcha dun plan de emprego para a mocidade que conceda un papel especial a inserción laboral da xente moza nos sectores estratéxicos da economía, e permita tamén de paso a renovación xeracional do capital humano neses sectores. A isto se suma un plan retorna da xente moza, -máis de 200.000 moz@s tiveron que emigrar-, un drama persoal pero tamén colectivo, nun país cun nivel de envellecemento da poboación moi grave.

No que respecta ao acceso a unha vivenda como porta a emancipación da xente moza, o programa do Bloque inclúe a posta en funcionamento dun banco de vivenda pública para administrar e xestionar vivenda baleira con vistas a súa disposición en alugueiro, con perspectiva social, a prezos asequibles que poda pagar a xente nova. E tamén un fondo social de vivenda como instrumento económico para desenvolver unha política de vivenda pública, completamente abandonada ao longo destes once anos de goberno do PP, o que derivou nun encarecemento do prezo da vivenda, en particular nas cidades con prezos inasumibles para a xuventude.

“Quero liderar un Goberno que poña no centro da súa acción política a defensa do dereito a un emprego digno e a unha vivenda, para que a xente moza poda construír o seu proxecto de vida sen verse obrigada a elixir entre a precariedade ou coller as maletas”, concluíu.

Alternativa de futuro do BNG vs inmobilismo do PP 

A preguntas dos medios sobre o debate celebrado na RTVG, Pontón destacou que permitiu aos galegos e as galegas visualizar dúas alternativas: “o PP co seu inmobilismo que deriva nunha Galiza con menos oportunidades, na que a xente vive peor e, por outro lado, a alternativa de futuro do BNG cun proxecto para erguer o país despois desta crise e reconstruírnos sobre a base dunha economía verde apostando pola ciencia, pola innovación, recuperando o medio rural e transformando as nosas vilas e cidades en lugares habitables, como xa demostramos que somos capaces de facer nos gobernos municipais do BNG”.

Pontón retou ao candidato do PP a que acuda a máis debates que están previstos nos medios de comunicación e que non fuxa de contrastar co BNG.

Pontón reta a Feixóo

“Reto a Feixóo a que acuda a algún debate dos que quedan na campaña porque é un dereito da cidadanía”, indicou, “xa sabemos que non lle gusta debater pero son un dereito e resulta importante que de aquí ao 12Xxs votantes teñan a oportunidades de ver de novo ás persoas que aspiramos a liderar a Presidencia deste país contrastando ideas e alternativas”, alegou.

“Por iso lle pido a Feixóo que non fuxa dos debates porque esta mesma semana temos un nunha emisora e sería unha falta de respecto aos galegos e as galegas”, alegou, ademais de ter en conta que o nivel de persoas indecisas é moi alto e, por tanto, necesario novas oportunidades de contrastar as diferentes alternativas políticas, “porque iso tamén axudaría a unha maior participación nas eleccións”, que debe ser obxectivo democrático de todas as forzas políticas.

“Desde logo, no BNG estamos traballando para que haxa esa gran mobilización porque hai unha maioría social que quere un cambio real e para conseguilo temos que conseguir que se mobilice nas urnas”, destacou Pontón, “a participación é clave para que se poida producir ese cambio real que deixe atrás o desastre das políticas do candidato do PP”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG