A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou a Rosalía de Castro como a “figura poderosa, vangardista e feminista” que representa a potencia creadora que ten Galiza e que “nos singulariza e nos empodera, non só como País, senón tamén como mulleres”. Para Pontón, “Rosalía deixounos unha herdanza inmensa, uns valores que continúan vixentes e unha carta de navegación coa que conducir o noso futuro, un futuro que ten que ser libre, igualitario, inclusivo e en galego”.
Así o asegurou no acto co que o BNG celebrou este ano en Ames o Día de Rosalía e no que participaron mulleres referentes en distintos ámbitos da creación cultural como Iria Ribadomar, Viki Ribadulla, Patricia González, Paula Pereira, Melania Cruz ou Arancha Nogueira, así como a portavoz parlamentaria de Cultura e escritora, Mercedes Queixas.
Logo de referirse a elas como mulleres que demostran a potencia creadora que sitúan a Galiza na vangarda e como “novas Rosalías que abren camiños e defenden as súas obras e o seu dereito a crear”, a líder nacionalista apostou por poñer no centro da acción política a creación das mulleres e tamén a lingua galega, nunha data na que tamén se celebra o día das linguas propias.
Neste sentido, propuxo a creación do Instituto Rosalía de Castro como ferramenta de internacionalización “da nosa lingua, a nosa cultura e para apoiar a creación das mulleres” que, segundo subliñou, “é moita e moi importante”. “Se non o fai quen goberna agora, farémolo noutro momento porque estou certa que teremos un goberno que pense en rosalián e que saiba acompañar e promover unha cultura rica”, recalcou.
Pontón defendeu así a necesidade de que as mulleres non teñan que “tecer soias as súas redes” como recollía nos seus versos Rosalía, senón que “tecendo xuntas e unidas sexamos capaces de camiñar na única dirección que é posible, a da igualdade e o empoderamento, sen que ningunha quede atrás”. “Rosalía precedeunos cunha forza inusual que explica como saltar tantas barreiras e situarse como a fundadora da literatura galega e somos, por iso, Rosalías nun mundo novo, que traballan por un futuro mellor”, incidiu.
Por último, a portavoz nacional quixo ter unha lembranza especial ás mulleres “que están a padecer a traxedia do mar e que están a sufrir a dor e a incerteza do futuro”, en referencia ás familias do tráxico naufraxio do Vila de Pitanxo. “Con elas está o noso pensamento e a nosa man tendida” para todo no que o BNG poida axudar e colaborar.