A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na manifestación que a CIG celebrou en Vigo con motivo do primeiro de maio onde nos deixou tres reflexións. Primeiro, estamos ante unha crise de prezos que é unha estafa á maioría, segundo que esta crise afecta máis os e as galegas e que o 1º de Maio segue a ser unha xornada para reivindicar unha sociedade máis xusta.
“Estamos ante unha crise de prezos onde vemos os escandalosos beneficios que teñen as eléctricas ou a banca fronte as dificultades dos e das traballadoras para chegar a fin de mes; de feito o incremento do beneficio empresarial está moi por riba do da clase traballadora, sete veces máis que os salarios”, explicou.
Neste contexto, argumentou Pontón, “non é normal que PP e PSOE sigan poñendo o foco nun pacto de rendas, porque iso significa é que os traballadores e as traballadoras paguen de novo os pratos da crise, mentres o Goberno do Estado e da Xunta son incapaces de poñer sobre a mesa medidas efectivas para garantir salarios dignos para poder vivir”.
A segunda reflexión que fai a líder do Bloque é que os galegos e as galegas o están pasando peor nesta crise porque o IPC sobe máis que na media do Estado, a pesar de que temos salarios por debaixo da media e as segundas pensións máis baixas.
“E pese a todo, temos un Goberno do PP instalado na prepotencia e desconectado da realidade da xente do común, incapaz de tomar medidas a favor da maioría social porque goberna para unha minoría como demostra o pelotazo fiscal de 33 millóns de euros ás persoas máis ricas de Galiza mentres retira a tarxeta básica para axudar as familias que máis o precisaban”, denuncia a portavoz nacional.
Como terceira reflexión, Pontón destacou desde Vigo que o Primeiro de Maio é un día de reivindicación, para recordar que os dereitos que se lograron foi a base de loita social, pero que levamos unha década vendo como a maioría perde. “E aí está unha contrarreforma laboral que non se derrogou, aí están consolidándose os recortes nas pensión impostos polo PP ou agora o incremento do cálculo da prestación que vai diminuír ás pensións do futuro, algo moi preocupante nunha Galiza que xa ten pensións por debaixo da media, e aí sigue a lei mordaza”.
Por iso, o 1º de Maio segue a ser unha xornada “de loita e reivindicando dunha sociedade máis xusta, onde os traballadores e traballadoras teñan dereito a unha vida digna en lugar da precariedade que soporta unha maioría, sobre todo a xente moza obrigada a emigrar”. O Bloque, indicou Pontón “temos claro que o futuro pasa por ganar máis dereitos e aí é onde vai estar sempre o BNG reivindicando unha sociedade xusta, igualitaria onde non vexamos a tantas persoas que non chegan a fin de mes, unha sociedade na que a xente teña tranquilidade e unha vida digna”.
Mensaxe de reivindicación na que insistiu o candidato a Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, cidade na que hai máis de 18.000 persoas en paro mentres medra a crise industrial con 6.800 empregos industriais menos que antes da pandemia, explicou.
Por iso, “fai falta un Plan de reactivación económica, produtiva e industrial de Vigo e comarca, o futuro desta cidade pasa porque Vigo volva ser o pulmón industrial e produtivo de Galiza”, indicou, apostando por sectores estratéxicos como a construción e reparación naval, a pesca, a automoción e o desenvolvendo da capacidade en innovación colaborando man a man coa universidade.