A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo no Grove un paquete de medidas para dar solución á caída da produtividade nas rías galegas dende hai máis dunha década e denunciou a inacción do Goberno do PP ante o grave “problema estrutural” que sofre o sector marisqueiro.
“O Goberno do Partido Popular non é parte da solución, senón que é parte do problema”, afirmou Pontón logo do encontro que mantivo coas mariscadoras da Confraría de San Martiño do Grove antes de visitar a Feira do Marisco da localidade.
Deste xeito, denunciou a inacción do Executivo de Alfonso Rueda que non só non toma medidas, nin apoia as propostas concretas que si ten o goberno alternativo do BNG, senón que, ademais, pretende instalar no País un proxecto contaminante como a macrocelulosa de Altri, que tería unha incidencia negativa directa na Ría de Arousa.
Diante dunha situación que xa é “suficientemente grave”, a líder nacionalista cuestionou por que o Goberno do PP quere por riba colocar “a bomba ambiental de Altri no corazón de Galiza” que “contaminaría aínda máis a Ría de Arousa” e poría en risco “os 4.000 postos de traballo que viven directamente do mar”.
Por iso, e fronte a un Executivo “que traballa en contra da xente do mar”, recordou que o goberno alternativo do BNG está poñendo sobre a mesa medidas concretas que non só axuden ás mariscadoras e mariscadores no contexto actual, senón que permitan a medio prazo garantir que o estado das rías “vai ser aceptable para seguir producindo marisco”.
Neste sentido, defendeu en primeiro lugar, a posta en marcha dun plan de axudas para as e os profesionais do marisqueo que, neste momento, “teñen unha situación crítica”.
“En campaña electoral prometéuselles o ouro e o mouro, pero o certo é que eses 550 euros só chegaron a unha parte moi pequena das mariscadoras e, evidentemente, non é unha solución de futuro”, reprochou ao Goberno de Alfonso Rueda, ao que tamén afeou a súa negativa a recoñecerlles ás mariscadoras e mariscadores do Grove que ten que haber un cese da actividade, o que impedirá o seu acceso a algunhas das axudas que existen. “Una dobre discriminación para as mariscadoras do Grove”, sintetizou.
En segundo lugar, Pontón urxiu un plan de rexeneración das rías, que analice primeiramente coa comunidade científica as causas da caída da produtividade e que sobre esta análise, articule posteriormente un programa de medidas concretas con orzamentos e prazos de execución.
O obxectivo desta medida é precisamente ir ao fondo do problema, coidar “un dos bens máis prezados que ten o País, como son as rías, cun ecosistema único e produtivo que hai que preservar, non só por unha cuestión medioambiental, senón porque é unha das principais actividades económicas de Galiza”, afondou.
En terceiro lugar, a portavoz nacional tamén avogou por articular un plan de axudas para as confrarías, institucións fundamentais nun país que ten na pesca e o marisqueo un dos seus sectores económicos máis importantes e que, subliñou, “están atravesando neste momento unha situación moi difícil”.
Seguro público de produción marisqueira
Por último, a líder nacionalista tamén defendeu a posta en marcha dun seguro público de produción marisqueira que garante unha renda digna aos traballadores e traballadoras do mar cando existan problemas de produtividade e teña que haber un cese de actividade, así como un protocolo para o baleirado dos encoros que inclúa sancións ás empresas eléctricas cando incumpran as normas que deben rexer os baleirados para que estes non afecten negativamente á produtividade das rías.
“Para que exista a Festa do Marisco ten que existir produto e teñen que existir mariscadoras e mariscadores ás que lles facemos chegar todo o noso recoñecemento”, advertiu momentos antes de visitar unha das festas máis consolidadas do país que, subliñou, “expresa con claridade todo o potencial” que ten Galiza no ámbito marisqueiro.
Por iso, as medidas que defende o goberno alternativo do BNG pasan por apoiar un sector fundamental que en Galiza “é presente e ten que ser futuro, do que poden vivir dignamente miles de persoas se realmente hai un goberno que confíe no seu país e na xente do mar e que estea disposto a apoiala antes que a unha multinacional coma Altri que o único que quere é destruír a riqueza que temos no País”, concluíu Pontón.