A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita ao recen inaugurado comedor escolar do CEIP A Maía, en Ames, para demandarlle ao Goberno de Feixóo que garanta que o 100% do alumnado teña acceso a un servizo que é fundamental para a conciliación das familias, que debe prestarse con persoal específico e buscando a calidade alimentaria dos e das escolares.
“Servizos como este novo comedor escolar son fundamentais para pais e nais porque facilitan a conciliación laboral e familiar, que sempre é difícil, mesmo unha carreira de obstáculos”, salientou a líder do BNG, ao tempo que poñía o acento en que concellos e familias se ven obrigados a dar un servizo que por competencias corresponde á Xunta.
De feito, “arredor dun 25% dos comedores escolares son asumidos polos concellos ou polos país e nais a través das ANPAS, unha situación que se da porque a Xunta non é capaz de garantir un servizo que ten carácter universal. Calquera neno ou nena ten que ter dereito ao comedor, porque é necesario para a maioría das familias”, explicou a portavoz do Bloque.
Co agravante de que neses casos, criticou Pontón, “a achega do Goberno de Feixóo limítase a unha subvención no prezo final dos menús escolares que ronda os 65 céntimos de euro de media por menú, e dicir, aporta menos dun euro ao día para que os nenos e nenas podan comer en algún do comedores escolares municipais ou baixo xestión das familias, que suplen o baleiro e a desatención da Xunta cunha parte moi importante de centros, sobre todo nas cidades e nos concellos máis poboados”
De feito, no caso concreto do comedor escolar do CEIP A Maía visitado hoxe pola líder do BNG, a achega da Xunta é de 0,55 céntimos por menú. O BNG demanda que todo o alumnado teña acceso aos mesmos servizos por unha razón de igualdade e de xustiza e, por iso, reclama do Executivo galego que garanta que cada centro educativo dispoña do servizo de comedor para os e as escolares que o necesiten e sempre desde a calidade alimentaria.
“Trátase de que todo o alumnado teña acceso a este servizo que, ademais, facilita a conciliación laboral e familiar de moitos pais e nais”, recalcou, tras felicitar ao goberno de Ames por ter convertido o concello nun referente en políticas de conciliación grazas a xestión desenvolvida polo tenente de alcalde, David Santomil, demostrando que as políticas de conciliación “son un sinal de identidade e marca de Goberno BNG nos concellos”, neste caso destinando un 20% do seu orzamento a programas de conciliación, a maior porcentaxe de toda Galiza, o que permite que máis de 2.000 familias se beneficien dalgún dos programas de conciliación postos en marcha polo Bloque desde o Goberno local.
Un servizo que é especialmente importante para as familias na época estival e tras finalizar o curso escolar. “Por iso a aposta pola conciliación é fundamental, en particular para as mulleres, nais e traballadoras, porque son as que asumen a tarefa dos coidados na inmensa maioría dos casos”, concluíu Pontón.