Ana Pontón propón unha fronte común para defender en Bruxelas a frota pesqueira galega

Reunión con ARVI
Reunión con ARVI
A portavoz do BNG afirma que "A decisión de Bruxelas de prohibir a pesca de fondo pon en risco centos de empregos e elimina da cesta da compra de moitas familias o acceso a peixe”

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón unha fronte común para defender en Bruxelas a frota galega, fronte ao “mazazo” que supón para o sector a decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca de fondo en 87 áreas da plataforma continental, unha decisión que cualificou de “arbitraria” que non ten en conta o impacto socioeconómico e que, segundo recalcou, pon en risco “centos e centos de empregos” en Galiza.

Así mesmo, advertiu, que a prohibición comunitaria “elimina da cesta da compra” toneladas de peixe no medio da maior crise de prezos dos últimos anos, o que provoca un novo incremento de prezos e, polo tanto, que as familias “que xa non podían mercar peixe, se se aplica este regulamento, aínda o van ter máis difícil”. “Isto o que vai provocar é un incremento dos prezos ou ben camiñar cara a unha maior importación, cando sabemos que moito do peixe que se importa doutras latitudes como China non ten nin os controis medioambientais, nin os requisitos dende o punto de vista sanitaria que ten o peixe que están pescando os barcos galegos”, incidiu.

Reunión con ARVI
Reunión con ARVI

Pontón realizou estas declaracións logo da reunión que mantivo coa directiva da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) para analizar o impacto dunha decisión que, segundo subliñou, se toma de xeito arbitrario, sobre informes desactualizados e que mesmo nin analizan o impacto real dalgunha arte concreta como, por exemplo, a do palangre de fondo. Logo de incidir en que a propia Comisión Europea recoñece que se tivera informes máis precisos a decisión podería ser outra, advertiu que “non se poden tomar decisións con esta frivolidade cando o que está en xogo é o pan de centos de familias neste País e un sector económico que é estratéxico para os galegos e as galegas”.

Neste contexto, e xunto á necesidade de exercer toda a “presión política” nunha fronte común da que formen parte Goberno estatal, resto de institucións, formacións políticas e sector, urxiu ao Executivo central a presentar de maneira inmediata un recurso para paralizar o decreto comunitario. Ao seu xuízo, cómpre a urxente presentación deste recurso para frear unha decisión que atenta contra os intereses do sector pesqueiro galego e, neste sentido, avanzou que que o BNG solicitará tamén a comparecencia da conselleira de Pesca no Parlamento galego e a do ministro do ramo no Congreso, así a do comisario europeo de Pesca, con que xa ten solicitada unha reunión a eurodeputada Ana Miranda, quen tamén participou na reunión con ARVI, xunto co portavoz municipal de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada por Vigo, Carmela González.

A líder nacionalista recordou que non é a primeira vez que se toman en Europa “decisións deste tipo e que logo teñen que rectificar” porque non teñen fundamento nin desde o punto de vista económico, nin desde o científico e medioambiental e, neste sentido, puxo en valor o esforzo de adaptación realizado polo sector para acadar a sustentabilidade. “Ten que haber sustentabilidade na xestión dos recursos, pero non unha arbitrariedade que supoña eliminar un sector económico fundamental no noso País”, concluíu.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG