No encontro cos representantes dos e das traballadoras autónomas, Pontón explicou as propostas que o BNG vai trasladar ao Parlamento de xeito inmediato para salvar a un colectivo vital para a economía e o emprego do país, e que ten soportado un maior impacto que no resto do Estado, en concreto, entre decembro e setembro máis de 1.500 persoas traballadoras por conta propia quedaron polo camiño, a maioría mulleres, o 0,7% do total, porcentaxe que case duplica a da media do Estado.
“E iso é só a punta do iceberg porque a caída do emprego entre este colectivo pode agudizarse nesa segunda onda da pandemia, moitos autónomos e autónomas teñen empregados ao seu cargo e se os seus negocios non sobreviven tamén veremos unha destrución de postos de traballo, en particular en dous sectores, como é o pequeno comercio e a hostalería, onde hai que tomar medidas urxentes”, alegou a portavoz nacionalista.
Entre as medidas que pon sobre a mesa o BNG referiuse, en primeiro lugar, a un plan de axudas extraordinario e urxente para todas aquelas actividades que pechan ou que teñen unha redución moi importante como consecuencia dos rebrotes e das restricións; en segundo lugar, reclamou axudas directas para poder facer fronte aos gastos de alugueiro, mesmo contemplando unha redución do 50% no caso de alugueiros de locais de grandes propietarios. E, tamén, ampliar os prazos de carencia tanto dos créditos da Xunta como do ICO, porque este colectivo vai ter unha caída de ingresos derivada dunha redución do consumo que lle dificultará facer fronte a este tipo de custes.
Igualmente, o Bloque pide que se prorroguen os ERTEs e as axudas a nivel estatal porque dará osíxeno a moitas PEMES e, finalmente, que o Executivo galego poña en marcha un plan de consumo no comercio de proximidade para minimizar o impacto da caída do consumo que xa estamos vendo tamén en Galiza.