Municipais 2023

Ana Pontón presenta a Araceli Gestido como “a alcaldesa capaz de escribir unha nova páxina na historia do Concello de Cangas”

Acto Cangas
Acto Cangas

O mellor aval da capacidade do BNG para gobernar son os modelos de éxito de Félix Juncal en Bueu e de Leticia Santos en Moaña, explicou

Augura para o Bloque un resultado histórico nas próximas eleccións municipais do 28M, convencida de que será a forza política que máis suba

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación da candidata do BNG á Alcaldía de Cangas, Araceli Gestido, á que definiu como “muller preparada, con experiencia e, sobre todo, con alegría, entusiasmo e coa enerxía para darlle a volta á situación do concello e escribir unha nova páxina na súa historia”.

“O 28 de maio Cangas pode recuperar con Araceli o orgullo, o sorriso e a esperanza”, proclamou, “tendo por fin o goberno que merece e deixando atrás a falta de impulso na que está sumido agora mesmo, cun concello sen ninguén ao temón para liderar con enerxía este barco”.

A líder do Bloque amosouse convencida de que os veciños e as veciñas “queren un concello que funcione, que axude ás persoas, un concello que aporte dinamismo económico, un concello que loite polos seus intereses” porque, argumentou, Cangas é un gran municipio, “que o ten todo para avanzar, para progresar, para mirar o futuro con esperanza e con optimismo”.

“Un patrimonio natural espectacular, ten un tecido económico local cun enorme potencial, empezando polo sector mar-industria, ten un comercio de proximidade que pode dar moito máis de si e, sobre todo, Cangas ten un inmenso capital humano, porque o  mellor deste concello é a súa xente, traballadora, emprendedora, loitadora, con talento e con iniciativa. O  que precisa é un goberno municipal que estea á altura, un goberno liderado polo BNG”, proclamou.

Pontón puxo como aval da capacidade dos gobernos municipais do BNG os dous máis próximos na propia comarca do Morrazo, botando man dos modelos de éxito que representa Félix Juncal, en Bueu e o de que representa Leticia Santos, en Moaña, unha boa mostra de que “hai outro xeito de gobernar pensando no ben común e facendo que os concellos progresen, transformando en positivo e mellorando a vida das persoas ao tempo que se gana en dinamismo económico e social”.

Acto Cangas
Acto Cangas

Por iso, Pontón subliñou que o BNG vai ter un resultado histórico o próximo 28 de maio en Cangas, e que Araceli será “unha gran alcaldesa ao servizo da xente, capaz de abrir un tempo novo de progreso no económico e no social, a alcaldesa capaz de devolverlle o sorriso e a esperanza no futuro a este concello”.

Pontón puxo de manifesto que “estamos antes nunha crítica marcada pola  peor evolución de Galiza por culpa do goberno do PP”, nun País no que o deterioro dos servizos públicos vai en aumento. “Cunha sanidade pública ao límite e cun goberno do  Partido Popular convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas”. Neste sentido,  animou á cidadanía “a encher as rúas de Santiago de Compostela” este domingo na manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade en defensa do sistema público de saúde.

Crise e recortes en servizos

A portavoz manifestou tamén a necesidade de que “a enerxía eólica sexa unha oportunidade para Galiza e non soamente unha oportunidade para as eléctricas”,  nun País que “sofre a suba da factura da luz, da gasolina, da cesta da compra, e agora tamén das hipotecas”. Cualificou esta medida de “inxusta e antisocial”, ao considerar que “supón seguir afogando ás familias para que a gran banca siga tendo uns beneficios obscenos”.

Un incremento de gastos no día a día dos galegos e das galegas contrasta cos beneficios récord cos que pechou a gran banca o exercicio do pasado 2022. “Hai tres entidades que tiveron uns beneficios millonarios de 19.170 millóns de euros, cando aínda non devolveron os 90.000 millóns de euros do seu rescate”, denunciou.

Fronte a esta situación, Pontón destacou que  Galiza “é un gran País, con cultura, historia, tradición, recursos, investigadores e investigadoras de primeiro nivel”,  e mostrouse confiada en que o cambio de rumbo comeza o próximo 28 de maio, cita coas urnas na que o BNG “será a forza política que máis suba ao demostrar que os seus gobernos son sempre sinónimo de calidade, eficacia, solvencia”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG