A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a urxencia de desenvolver un novo modelo eólico “que sexa respectuoso co medio ambiente e coas persoas que viven no rural” e “que utilice a riqueza enerxética galega en beneficio do país e non das eléctricas”.
Así o manifestou na mobilización que, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, se desenvolveu en Compostela para exixir un modelo eólico alternativo ao que está impulsando o PP e que, segundo recalcou, “significa depredación do territorio e seguir permitindo que se espolie a riqueza eléctrica que hai en Galiza”.
“Esta mobilización o que reclama é un novo modelo que sexa respectuoso co noso medio ambiente e coas persoas que viven no medio rural e tamén que utilicemos a riqueza eléctrica en beneficio do país”, explicou, para engadir a continuación que “isto pasa por que haxa unha participación pública dos beneficios; por que teñamos unha tarifa eléctrica galega ou por que se cree unha compañía pública para a xestión dunha parte destes proxectos que evite que eses beneficios acaben única e exclusivamente nos consellos de administración das empresas”.
Neste sentido, Pontón advertiu de que baixo o boom eólico que estamos vivindo atópanse os intereses das eléctricas, “e sabemos das conexións, das portas xiratorias, entre o PP e esas eléctricas”, criticou, logo de recordar a incorporación da ex conselleira de Medio Ambiente a Greenalia e outros casos similares tamén a nivel estatal. “E todos e todas sabemos que ningunha empresa vai financiar ex políticos en consellos de administración a cambio de nada”, subliñou.
A portavoz nacional recalcou o valor fundamental que ten para o BNG que Galiza poida levar adiante unha transición enerxética verde, “pero tal e como están facendo as cousas dende o PP, o que vemos é que hai unha perversión do modelo e por iso nós dicimos eólicos si, pero non así”, explicou.
Nesta liña tamén lamentou que o Goberno central estea poñendo en marcha “o mesmo modelo” que o PP en Galiza e incidiu en que, fronte a estas políticas, o Bloque seguirá defendendo un novo modelo no que “a enerxía se utilice realmente en beneficio do país”. “A riqueza eléctrica ten que servir para o desenvolvemento de Galiza; xa está ben de gobernar pensando nas eléctricas”, concluíu.