Ferrol

Ana Pontón pide votar BNG para estender un modelo municipal que é referente de calidade de vida

O avance do Bloque este 26M será a antesala da derrota de Feixóo e abriría un temo novo “que estamos en posición de liderar”, destaca

Ana Miranda: “Só un BNG forte en Bruxelas garante a presenza de Galiza na axenda europea”

A portavoz nacional, Ana Pontón, pechou xornada electoral cun mitin en Ferrol, onde se mostrou convencida de que o BNG terá un gran resultado o 26M porque suma cada día máis apoios a un modelo municipal que funciona, que garante un cambio real desde a demostración de que converte en referentes de calidade de vida os concellos nos que goberna.

“Nesta recta final de campaña notamos como medra a corrente de simpatía cara o BNG cun proxecto, solvente, unido, cohesionado, renovado que ofrece unha alternativa para esta país”, salientou, e por iso fixo un chamamento á mobilización e a concentrar “todo o voto nacionalista, galeguista, inconformista no BNG” para estender este modelo municipal de éxito por Galiza.

Pontón destacou ademais que o avance do BNG nos concellos é o primeiro paso para abrir un tempo novo neste país, “porque en 2020 imos ter eleccións galegas e un gran resultado do BNG nas municipais é a antesala da derrota do PP e de Feixóo na Xunta”.

“Son unhas eleccións decisivas para os concellos pero nas que tamén nos estamos xogando un futuro mellor para o país”, recalcou, “e desde as vilas e cidades demostramos que hai outra Galiza posible e que temos un proxecto político para construíla”, recalcou.

En Ferrol, Pontón, pediu o voto para a candidatura que encabeza Iván Rivas: “É a opción para abrir un novo rumbo nesta cidade”, convencida de que o Bloque “vai ser determinante e terá a forza necesaria para abrir un cambio real na cidade, para que Ferrol recupere a ilusión e a esperanza no futuro da man do BNG con proxecto, con equipo e con liderado”.

A líder nacionalista declarouse convencida de que a veciñanza non vai optar por un PP que só ofrece “receitas fracasadas”, por un PSOE que só mira cara Madrid, -“o vello bipartidismo que se alterna na discriminación a Ferrol”, alegou-, nin tampouco se vai resignar á repetir a decepción dos que prometeron cambialo todo e nin foron capaces de xestionar con eficacia o día a día.Por contra, o Bloque representa unha alternativa de transformación real.

Pontón fixo un chamamento a mobilización nesta recta final de campaña, “hai que chamar a todas as portas,  falar con todas as persoas que coñecemos no noso entorno, amizades, familia, compañeiros de traballo, explicarlles o modelo municipal do BNG, explicarlle como os concellos nos que gobernamos se converten en referente de calidade de vida.  E explicarlles que ese avance nos concellos e o primeiro gran paso para abrir un tempo novo en Galiza”, concluíu.

Saneamento da rías

Pola súa parte, a candidata nas eleccións europeas, Ana Miranda, destacou a importancia de ter en Bruxelas “unha voz nacionalista” que dea a cara por Ferrolterra e evitar que quede no ostracismo o que a condenan as forzas estatais tamén na Eurocámara.

En defensa da construción naval, do saneamento integral das rías, pero tamén para facilitar a interlocución directa dos concellos da comarca nas institucións comunitarias, e para condicionar en positivo a repercusión da PAC nos municipios con territorio rural. A loita contra os efectos do cambio climático, contra os incendios e as súas consecuencias serán tamén obxecto do traballo político na UE.

Miranda fixo especial fincapé en que a recuperación integral das rías en Ferrol, Ares, Cabana volverán ser un cabalo de batalla para o Bloque no Parlamento europeo da man dun BNG “que demostrou todos estes anos que é unha forza fiable e eficaz na defensa de Galiza fronte ao desleixo das forzas estatais”.

“Sen o BNG na Eurocámara, Galiza desaparece, Ferrolterra desaparece da axenda política de Bruxelas, alí onde se toman decisións que nos afectan directamente. Por iso pido o voto para o Bloque para este país volva ter un escano do pobo galego aínda con máis forza tras o 26M”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG