BNG volve reclamar diante do Pazo de Meirás que o Goberno do Estado rectifique e presente recurso contra a sentenza que obriga a indemnizar aos Franco tras ter ocupado o inmoble durante décadas, algo que non só repugna desde o punto de vista da dignidade democrática senón que, ademais, supón un “agasallo xurídico” que arrisca a devolución do pazo ao patrimonio público.
“Non podemos pagar dúas veces pola devolución dun ben roubado e por iso reclamamos ao Goberno de Sánchez que rectifique a decisión de non recorrer esa sentenza vergoñenta desde o punto de vista democrático pero que, ademais, supón un agasallo xurídico para a Familia Franco, porque o principal problema que podemos ter desde o punto de vista xurídico é que o Estado non recorra esta sentenza abrindo así o camiño aos Franco para que en estancias superiores poidan darlle a volta á sentenza que por primeira vez recoñeceu que Meirás era público e que tiña que formar parte do patrimonio dos galegos e das galegas”, argumentou ás portas do pazo.
“Para o Bloque é inconcibible que esta sentenza non reciba unha resposta política e xurídica, porque supón asumir que os Franco estiveron no pazo de boa fe dándolle unha labaza ás vítimas da ditadura e, desde o punto de vista xurídico, -afondou Pontón-, porque non se pode asumir que estiveron na súa propiedade”.
Neste sentido, o BNG volve reclamar ao Executivo central “que non rompa a unidade social e que atenda ao clamor que en Galiza reclama a devolución ao patrimonio público sen pagar nin un só euro a uns Franco que ocuparon de maneira ilexítima o inmoble durante corenta anos”, recalcou.
O Goberno do Estado, insiste a formación nacionalista, debe atender a demanda cidadán que se está expresando manifestacións publicas diversas pedindo o recurso e, neste sentido, o Bloque aplaude que haxa institucións que anunciasen a súa disposición a presentar un recurso. “Pedímoslle a Sánchez que non rompa esa unidade e que interpoña o recurso canto antes para evitar calquera indemnización aos Franco”, remarca.
Para a líder nacionalista, neste asunto só hai dous lados, o lado da dignidade e da defensa do ben común, ou o lado dos intereses dos herdeiros do ditador, “e son cada vez máis as voces que alertan sobre un posible pacto oculto entre Goberno e os Franco para non presentar ese recurso e agardamos que, pola vía dos feitos, se desminta esta posibilidade recorrendo a sentenza e pechando o camiño a calquera agasallo xurídico aos que se beneficiaron durante décadas dun espolio e que intenten facerse de novo con inmoble roubado”, argumentou.
“O Bloque ten moi claro de que lado está: do lado da dignidade, das asociacións que loitaron e loitan pola recuperación da memoria, que permitiu ese primeiro gran paso dunha sentenza histórica que recoñecía a titularidade pública do pazo e a mala fe dos Franco e non podemos permitir agora este paso atrás”, explicou.
Pontón destacou que o BNG seguirá levando este tema tanto ao Parlamento como ao Congreso, ao tempo que considera “vergoñenta” a posición do Goberno da Xunta que cualificou de “positiva” a sentenza pese a impoñer esa indemnización. “De novo parece que está máis interesado en protexer os intereses dos herdeiros e non da dignidade e de todas as persoas que loitaron para reparar un espolio”, concluíu.