A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou que a pregunta do BNG na sesión de control ao presidente será sobre a situación de desigualdade de xénero e a necesidade de frear o medre das desigualdades entre as que destacou “ a fenda salarial” entre mulleres e homes situada nun 30% por realizar o mesmo traballo.
A nacionalista pedirá a Feixóo que saque do “conxelador” as políticas de Igualdade e poña en práctica “a penalización e rescisión de contratos públicos con empresas acusadas de acoso sexual ou laboral”, ademais de medidas destinadas a conseguir unha “igualdade real”.
Pontón pedirá, a través dunha proposición no de lei, que o Parlamento recoñeza ao feminismo galego e todas as mulleres que nel combateron pola defensa dos dereitos das mulleres e que a Cámara galega “apoie publicamente” a convocatoria de folga internacional das mulleres convocada para o vindeiro 8 de marzo.
“As mulleres de todo o mundo estamos fartas de dicir que estamos fartas de soportar as maiores e máis altas taxas de paro, estamos fartas das violencias machistas e de suplir coas nosas vidas a falta de servizos públicos ademais de ser as responsables da atención e coidado das persoas enfermas e dependentes e de maneira gratuíta”.
A desigualdade “non cae do ceo nin é natural”, recalcou a nacionalista, é o resultado dun modelo político e social. Resulta urxente impulsar unha axenda galega contra os retrocesos neste ámbito.
Non queremos que cada 8 de marzo sexa “un acto decorativo”, exiximos que muden as cousas e por iso a igualdade debe converterse nunha prioridade na axenda política que poña fin a perda de dereitos, a desigualdade laboral e que reivindiquemos “máis servizos públicos, conciliación, corresponsabilidade” para rematar coa axenda neoconservadora do Partido popular.
Dende que goberna Feixóo, as políticas de igualdade foron recortadas nun 77% e Feixóo, manifestou Pontón fai coa boca pequena o mesmo que Raxoi coa boca grande, “nos temas de igualdade é mellor non meterse”. Dende o BNG respondemos que ao contrario, “queremos medidas reais contra a desigualdade”.