Na celebración do Día do Libro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou a “política de demolición” da Xunta de Galiza contra o sector do libro galego, un sector dinámico e estratéxico para o noso país polo seu valor simbólico e cultural e pediu ao Partido popular que abandone a política de continuos recortes.
Pontón tamén reclamou a derrogación do “cinicamente chamado Decreto do Plurilingüísimo”, unha ferramenta, dixo, deseñada desde premisas ideolóxicas que buscan reducir o uso do noso idioma nas aulas e nos materiais. Esta medida, recalcou, “fai imposible apostar polo libro e a lectura en galego”.
A portavoz nacionalista, acompañada dos deputados e deputadas do BNG, Montse Prado, Noa Presas, Luís Bará e Xosé Luís Rivas compareceu na compostelá Librería Pedreira onde destacou a grande fortaleza do ámbito literario e editorial en Galiza con escritores e escritoras de referencia internacional na ilustración, literatura infantil e xuvenil ademais de potenciais lectores capacitados para ler en galego.
A administración, manifestou Pontón “non desenvolve a Lei do Libro e a Lectura, aprobada polo Goberno bipartito en 2006” e o Partido popular reduce drasticamente os orzamentos, “afogando o sector”. Os datos que vén de sacar o Observatorio da Cultura Galega sobre o período 2006-2016 son “demoledores” e non deixan lugar a dúbidas. A Xunta, afirmou, é responsábel da publicación de “menos títulos, menos tiraxe, menos editoriais e menos axudas institucionais para o libro galego no período 2006-2016”. Mentres o número de obras editadas en galego segue descendendo, explicou, a edición en español, catalán e euskera sigue medrando. No ano 2006, a Xunta de Galiza destinaba á promoción do libro e lectura 1.100.000 que reduciu a 200.000 euros en 2016, ademais destinaba 750.000 euros á promoción e edición do libro en galego, e no ano 2016, tan só 350.000 euros. “Entre 2008 e 2016, o recorte situouse nos 2,4 millóns de euros nas adquisicións para as bibliotecas públicas de Galiza, o cal supón un 58% menos que sumou a caída do 40% na edición en galego durante os gobernos de Feixóo”.
O BNG RECLAMA DESENVOLVER A LEI DO LIBRO E DA LECTURA
Ante a crise no sector do libro promovida pola política de recortes do Partido popular, o BNG levará ao Parlamento galego a proposta dun “estudo de avaliación do grao de desenvolvemento e cumprimento da Lei do libro e da lectura, que debería estar completado antes do remate deste 2018 dotada con orzamentos e medidas concretas para os próximos tres anos, e a supervisión do Consello Asesor do Libro”.
Paralelamente, o BNG demandará en sede parlamentaria “a derrogación do cinicamente chamado Decreto do Plurilingüismo”.
Para a portavoz nacionalista, o “libro é fonte de liberdade, de coñecemento, de medre e desenvolvemento persoal, de capacidade crítica para pensar, soñar e construír unha vida máis digna e un mundo máis xusto para todas as persoas”. En tempos escuros coma os que estamos a vivir de censura, represión e involución, cómpre defender a liberdade creativa e o hábito rebelde da lectura, e da lectura en galego e puxo como exemplo recente “o secuestro dun libro que recolle os vínculos do PP co narcotráfico”.
Finalmente a portavoz nacionalista avanzou que o BNG seguirá aportando propostas para recuperar, canto antes, a condición estratéxica e económica do sector do libro galego.