Ana Pontón: “Onde gobernamos melloramos a vida das persoas, por iso queremos máis BNG nos concellos”

Acto Verín
Acto Verín

Ana Miranda defenderá en Bruxelas a xestión directa dos fondos europeos para paliar a despoboación nos concellos de Galiza

Ana Pontón instou á mobilización para que Diego Lourenzo “sexa o próximo alcalde de Verín”

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no mitin de Verín para arroupar ao tenente de alcalde e candidato á Alcaldía, Diego Lourenzo, cuxo traballo ao longo destes catro anos de mandato puxo como exemplo do que é capaz de facer o BNG  desde os concellos nos que goberna.

“Onde gobernamos melloramos a vida das persoas, con concellos honestos, libres de corrupción, exemplos de democracia participativa, feministas e sustentables. Concellos dos que sentir orgullo, que promoven a nosa lingua e a nosa cultura, que demostran que cando temos confianza nas nosas capacidades logramos ser un referente, dentro e fora do país, a aí están os feitos dun modelo municipal de éxito, que funciona e queremos estendelo por Galiza, queremos máis BNG nos concellos”, recalcou Pontón.

De feito, a dirixente nacionalista está convencida do avance electoral do Bloque, que será a antesala da apertura dun tempo novo en Galiza coa saída do PP do goberno do país. “Imos con tanta forza que o ano que ven, nas eleccións galegas imos votar para a casa a Feixóo e ao PP”, recalcou, proclamando que “o mellor para este país nos concellos e en Europa é máis BNG nas eleccións do 26M, cunha gran candidata que sempre estivo dando a cara por este país. Necesitamos encher as urnas de voto de futuro que é o voto ao Bloque Nacionalista Galego”.

No corazón de Verín, a líder nacionalista puxo como exemplo os logros das áreas de goberno do Bloque que fixo posible “unha pequena gran revolución” neste municipio.

“É moi fácil para min pedir o apoio para a candidatura de Diego á vista do traballo feito, pedir o apoio podendo ensinar uns resultados tan extraordinarios cos que Verín experimentou unha pequena revolución, desas nas que cando te das conta, o que era un concello adormecido, sen dinamismo, sen pulso, se converte nunha vila de referencia no só na comarca senón no conxunto da provincia”, destacou.

Desde o ámbito cultural ao terreo do urbanismo e das infraestruturas destacando o plan de humanización, “porque o modelo municipal do BNG ten ás persoas como medida da acción política, para facer dos concellos lugares máis habitables”, salientou.

Xestión pública do servizos

Acto VerínPontón fixo fincapé na xestión pública directa dos servizos municipais que levou ao BNG de Verín: o aparcamento soterrado, a zona azul, a limpeza viaria e de edificios, a lonxa e a depuradora de auga, todos eles de xestión privada “até a chegada do BNG ao goberno, unha proba evidente da nosa aposta por xestionar os servizos públicos desde o público, sen ánimo de lucro, no que o importante non é maximizar o beneficio dunha empresa privada, senón prestar o mellor servizo posible a veciñanza”, resaltou.

Pontón pediu “o apoio da veciñanza para reforzar o liderado de Diego Lourenzo o 26M, para que sexa o próximo alcalde de Verín tras ser o motor do cambio estes catro anos de revolución. E para iso pido o apoio maioritario para o candidato e o seu equipo, porque somos inconformistas e non nos poñemos límites cando se trata de dar o mellor de nós mesmas a favor da veciñanza de cada concello”.

A candidata ao Parlamento Europeo e actual eurodeputada, Ana Miranda, salientou a importancia de que Galiza teña representación de país en Bruxelas, “para defender desde a Eurocámara e no resto das institucións da UE fondos para combater o despoboamento que afecta sobre todo ao interior deste país, agravado pola sangría da emigración de xente moza”.

Acción política en Bruxelas

Miranda destacou que é posible conseguir máis recursos europeos para combater o problema demográfico de Galiza, debate que está agora sobre a mesa, e que foi grazas a unha proposta do BNG que a cuestión da despoboación ten agora consideración de “problema a escala europea” coa posibilidade de recibir recursos adicionais para combatelo. “Non foi un logro do goberno galego, senón do traballo político do Bloque na Eurocámara”, destacou, “porque claro, que podemos agardar dun PP que lle chama á emigración mobilidade laboral?”, interpelou irónica.

Os concellos galegos poden xestionar eses recursos para promover servizos, -pois a falta de servizos é precisamente unha das causas que provoca a perda de poboación-, “para facer centros de día, escolas infantís, servizos dixitais, transportes, cultura”, explicou unha Ana Miranda, tras comprometerse a que o BNG seguirá defendendo “unha xestión galega dos seus fondos europeos en lugar da inoperante centralización no Estado”. 

Para ter esa voz en Europa “que dea a cara tamén polos municipios do interior do país”, Miranda pediu o apoio a candidatura que lidera o 26M e para a que encabeza Lourenzo: “Diego, vas ter que volver moitas veces a Bruxelas, mais xa como alcalde”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG