A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cos responsables da Federación de Alzhéimer de Galiza que aproveitou para explicar as propostas en materia de coidados e servizos sociais, nun contexto de pandemia que puxo sobre a mesa a urxencia de reverter recortes e privatizacións e fortalecer os servizos públicos na saúde, no coidado dos maiores e no coidado das persoas con necesidades especiais. “En definitiva, todo o que realmente é importante e que non pode ser obxecto de negocio, nin de lucro”, destacou.
“Nin a saúde, nin o dereito a unha vellez digna, nin o dereito a ter os coidados que necesitamos poden ser motivo de lucro, de negocio, nin un servizo de compra-venda en función do que as persoas ou as familias podan pagar, son dereitos e como tal hai que tratalos”, destacou, por iso “o Goberno que aspiro a liderar tras o 12X vai poñer ás persoas como eixo fundamental na súa acción política, atención máxima ás persoas, en particular as que máis o precisan, e as súas familias”.
Neste sentido, Pontón destacou que en Galiza hai máis de 14.000 persoas usuarias de centros de día que levan sen poder recibir a atención que precisan desde o 13 de marzo, “e as que o presidente da Xunta se lles di que van estar sen poder recibir esa atención até setembro”, indicou, “o candidato do PP, o señor Feixóo ten que explicar porqué pode abrir todo menos os centros de día, abren parques, pode celebrarse verbenas, abrir terrazas, ir a praia, e sin embargo non se pode abrir un servizo básico para as persoas afectadas e para as súa familias como son os centros de día”.
Estamos falando, -alegou-, de miles de persoas que precisan atención especializada nos centros de día, “pero que teñen o acceso pechado a esa atención cando tanto as familias como as persoas que traballaban no seu coidado advirten do risco de que se deteriore a súa saúde, a súa capacidade cognitiva, de mobilidade, de interrelación social. Ao que se suma o gravísimo problema de conciliación e de sobrecarga que ese peche dos centros implica para as familias”.
Por iso, o BNG solicita que se abran os centros de día “canto antes e con todas as garantías, reforzando persoal se fose necesario, co protocolo de seguridade sanitaria que se precise”, reclamou a líder nacionalista, “pero o que non pode facer o candidato do PP é deixar de lado a eses miles de persoas e as familias, ten que rectificar porque é un servizo que precisan, con urxencia, e abrir os centros de día coas máximas garantías”.
Os coidados sociais son esenciais e o Bloque ten propostas concretas en materia de servizos sociais, empezando por poñer en marcha un Servizo Galego do Benestar, un equivalente ao SERGAS no ámbito dos servizos sociais, para avanzar na xestión pública dos diferentes servizos: residencias da terceira idade, centros para persoas con necesidades especiais, centros de día ou o servizo de axuda ao fogar.
A atención de persoas que padecen alzhéimer ou outras doenzas similares, tal é como explicou tras a reunión a candidata nacionalista, “será unha prioridade” e para iso o programa do BNG inclúe a extensión da rede pública de centros especializados en alzhéimer posta en marcha en 2008 polo goberno bipartito, “unha cuestión que consideramos urxente, tendo en conta ademais que temos unha poboación moi envellecida”.
O BNG tamén incorpora ao programa de goberno unha medida destinada ao coidado das persoas que pon o foco nos centros de día: un plan de mellora dos centros de día e socio-sanitarios para que todos pasen a ser centros que conten con instalacións e servizos adaptados as persoas maiores ou con diversidade funcional, un plan de mellor que iría acompañado da dotación do persoal necesario.