XVI Asemblea Nacional do BNG

Ana Pontón lidera unha candidatura de consenso que aspira a fortalecer a recuperación social do BNG

CANDIDATURA BNG XVI AN PRESENTACION2
  • “Compromiso para facer política con maiúsculas e devolverlle a esperanza ás persoas que a perderon nestes anos de crise”, proclamou
  • Consolida a renovación xeracional desde unha lista elaborada coas  propostas das bases que será votada pola militancia na XVI AN

“É a candidatura da militancia, do consenso que conseguimos trazar entre todos e todas, un valor de fortaleza para seguir camiñando neste tempo novo”. Así definiu Ana Pontón a lista de unidade que encabeza a actual portavoz nacional, que será sometida á votación das bases na cita asemblearia que o BNG celebra esta fin de semana co lema En Bloque cara a un tempo novo.

“As persoas que formamos parte desta candidatura estamos aquí porque a militancia propuxo os nosos nomes”, proclamou Pontón no acto de presentación, no que agradeceu o compromiso “de todos os compañeiros e compañeiras que asumimos o reto de consolidar o tempo novo aberto fai un ano, no que mantivemos un intenso debate, analizamos erros e acertos, rectificamos e iniciamos un camiño que nos permitiu recuperar apoio social e electoral que aspiramos a fortalecer”.

A candidatura liderada por Pontón consolida o relevo xeracional iniciado fai un ano incorporando un nutrido grupo de persoas por debaixo dos 40 anos, sen renunciar á experiencia de militantes que atravesaron por distintos momentos do BNG. Igualmente, subliñou a importante presenza das mulleres, maioría entres os 19 primeiros postos que conformarán a futura Executiva nacional.

Pontón proclamou que as persoas que aspiran a dirixir o BNG nos próximos tres anos queren facer “política con maiúsculas”, para devolverlle a esperanza a todas as persoas que a perderon durante os anos da crise.

“Afrontamos o reto de coller da man a todas esas persoas que perderon a confianza durante a crise e devolverlles a esperanza”, indicou a dirixente nacionalista, co compromiso de “facer existir politicamente a Galiza, reverter a perda de peso no Estado, poñer o foco nos problemas do país e traballar para construír un futuro mellor para os galegos e das galegas sabendo que para iso precisamos poder político real”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG