A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo en Dublín un encontro bilateral coa presidenta do Sinn Fein, Mary Lou McDonald, no que ambas líderes intercambiaron valoracións en relación á situación económica e social que viven Galiza e Irlanda, nun contexto marcado por unha crise de prezos á que, segundo coincidiron, hai que dar unha saída social e xusta.
“Unha saída que realmente evite que paguen as consecuencias as familias, “as clases traballadoras, as e os pensionistas ou as pequenas e medianas empresas”, asegurou a líder nacionalista logo da reunión, á que acudiu acompañada da eurodeputada Ana Miranda, responsable ademais da área de política internacional da Executiva nacional do BNG e que mañá asistirá á celebración do congreso anual do Sinn Fein.
Pontón e McDonald tamén concordaron en que, para dar unha saída xusta á crise, é imprescindible contar “con gobernos valentes que poñan por diante os intereses das maiorías sociais, algo que representan tanto o BNG en Galiza como o Sinn Fein en Irlanda”.
“As persoas deben estar por riba dos intereses económicos das multinacionais e dos grandes lobbies, que claramente queren marcar a axenda para seguir incrementando os seus beneficios”, subliñou a portavoz nacional do Bloque, quen coincidiu de igual xeito coa líder do Sinn Fein en que desta crise non se pode saír “nin deteriorando as condicións laborais, nin roubándolle futuro á mocidade, nin recortando en servizos públicos esenciais como a sanidade ou a educación”, senón, polo contrario, preservando unhas condicións laborais dignas, mellorando os salarios e as pensións e reforzando os servizos públicos e a protección social “para evitar que se repitan os erros doutras crises, que tiveron consecuencias para a gran maioría”.
Así mesmo, ambas líderes analizaron o momento que viven as súas respectivas forzas políticas, desde a coincidencia de que ambas formacións están lideradas por unha muller por primeira vez na súa historia –“con liderados femininos e feministas, inclusivos e con capacidade de diálogo e de negociación”-, teñen acadado o mellor resultado electoral e afrontan o reto de liderar os gobernos dos seus respectivos países na próxima cita coas urnas en 2024.
“Compartimos a importancia para Galiza e Irlanda de ter por primeira vez un goberno liderado por unha forza política transformadora, cun proxecto propio, onde as cuestións nacionais e a urxencia social que viven os nosos pobos vaian da man e con capacidade para desenvolver proxectos pensados para as maiorías sociais que tan mal o están pasando nesta crise”, incidiu.
Pontón tamén abordou con McDonald outras cuestións de interese mutuo como a da emigración, a irlandesa e a da comunidade galega que reside en Irlanda, sobre a que dixo que, máis alá das persoas que teñen interese en ter unha experiencia ou aprender idiomas, “necesitamos que todo ese talento emigrado volva ao noso País”.
O encontro entre Pontón e McDonald enmárcase na axenda de contactos internacionais que está a desenvolver a portavoz nacional do BNG e que xa a ten levado a países como Uruguay, Chile ou Colombia, con encontros con referentes da política do continente americano como Pepe Mújica, Dilma Rousseff ou Francia Márquez.