Primeira reunión do Consello Nacional tras o histórico resultado electoral que deixa ao BNG como a forza política de referencia e alternativa a liderar o Goberno en catro anos. E esa foi unha das principais mensaxes da portavoz nacional, Ana Pontón, quen pediu traballar desde xa “con responsabilidade e humildade” para avanzar e conseguir “o sorpaso que importa”: o que permita poñer en marcha un cambio galego en 2024.
“Quero dar de novo as grazas ás persoas que nos votaron pola confianza e dicirlles que tomamos este apoio con moita humildade e con moita responsabilidade. Sabemos das expectativas que hai en torno ao BNG e imos traballar cada día para estar á altura”, salientou visiblemente orgullosa polos resultados, -que atribuíu ao traballo colectivo dunha militancia clave-, pero sen triunfalismos, resultados que son “un salto cuantitativo e cualitativo que expresan a aposta de futuro de miles de cidadáns por un proxecto propio, sen ataduras a Madrid, e que encarna unha Galiza diferente e con futuro”.
Pontón expuxo cales foron os principais compoñentes do apoio recibido nas urnas: ideas claras, defensa incansable dos intereses do país e unha proposta de cambio galego para ás maiorías sociais.
“O BNG avanza porque a sociedade ve en nós unha forza que defende este país, na que se pode confiar e cun proxecto claro, avanza porque defendemos os intereses d@s galeg@s, porque somos unha forza solvente, seria e rigorosa e temos capacidade demostrada para gobernar mellorando a vida das persoas e porque temos liderado e proxecto para facer valer Galiza”, destacou.
O reto é seguir medrando, seguir avanzando para liderar a alternativa ao PP en catro anos e para iso hai que sumar a todas as persoas que “aman” Galiza pero que aínda non teñen ao BNG como referente, argumento, instando a “non poñerse límites” porque son moitas as persoas “que apostan porque este país manteña a súa identidade fronte ao centralismo”.
“Hai milleiros de galegxs que queren o mellor para este país pero que o 12X votaron por outras forzas, son as persoas ás que temos que dirixirnos e convencer, atraer e sumar á proposta de país vivo, aberto e con futuro que propón o BNG. Estamos nunha situación óptima para avanzar e para dar o sorpaso que importa, o que provoque un cambio galego en 2024. Esa é a nosa responsabilidade, ser capaces de seguir medrando, de seguir sumando, de seguir convencendo até ser a forza hexemónica no país”, explicou.
Sumar, convencer, medrar
Porque se ven a onda de fondo que se mobilizou arredor do Bloque non foi suficiente para lograr o obxectivo do cambio galego, o resultado electoral “rompeu tópicos e límites”, -salientou Pontón-, convencida de que esa mudanza “non ten volta atrás, que é só o principio e o punto de partida de cara unha nova hexemonía social en torno ao BNG”.
A líder nacionalista insistiu na “man tendida” do Bloque para aunar esforzos, “para facer política con altura de miras” para erguer Galiza no medio dunha crise económica sen precedentes, “da que non se pode saír coas mesmas vellas receitas fracasadas de recortes nas pensión ou nos salarios, nin se pode permitir que a crise a volvan pagar as maiorías sociais”. “O futuro pasa por unha económica verde, por unha aposta pola ciencia e pola investigación, pola recuperación do rural e por non deixar caer ningún sector produtivo”, recalcou, para insistir na nacionalización de ALCOA.
Recoñecemento á militancia
Pontón fixo un recoñecemento a todas as persoas que estiveron na primeira liña na lotia contra a COVID19, enviou palabras de afecto a quen perdeu un ser querido e de alento ás persoas que loitan contra o virus. E para toda a cidadanía “prudencia, porque a pandemia non está derrotada”, pediu.
E expresou tamén un sentido homenaxe á militancia do BNG, “porque é a nosa militancia a que nos fai grandes e diferentes, porque somos un proxecto colectivo de milleiros de persoas que levamos Galiza na cabeza e no corazón e que traballamos, man a man, día a día, en todos os recunchos e ámbitos do país”. Unha militancia, dixo, “que temos que ampliar, recollendo a todas as persoas inconformistas que soñan con outra Galiza posible”, concluíu.