Na súa visita á Festa do Mar organizada polo concello de Poio en Combarro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón pediu a Núñez Feixóo que deixe de “amagar” e facer anuncios baldeiros nos medios de comunicación e “presente un recurso xudicial” para que o Estado abone os 700 millóns de euros que lle debe a Galiza.
A parálise política do estado, explicou Pontón, non pode ter consecuencias para o financiamento das CC.AA e vemos que o Presidente da Xunta, unha vez máis, non está á altura das circunstancias. Vemos a un presidente facendo “amagos” pero sen determinación e si o estado nos debe 700 millóns de euros, Feixóo debe tomar nota de Cataluña que acaba de anunciar a presentación dun recurso xudicial para reclamar a súa débeda. Dende o BNG, afirmou a nacionalista, “instamos a Feixóo a que presente un recurso xudicial, non só para reclamar os 700M€ porque o estado ten máis débedas con Galiza e debe a maiores, reclamar 200 millóns de euros en materia de dependencia e máis de 2.000 millóns presupostados que non foron investidos na mellora do ferrocarril en Galiza”.
En Galiza, recalcou Pontón necesitamos un presidente que exerza como tal e non un comentarista dedicado a facer declaracións e titulares nos medios. “O problemas do financiamento é grave e hai que cambiar o modelo centralista que está a impedir a prestación de servizos básicos pola retención de recursos”. Temos que cambiar o actual modelo de financiamento para recadar os nosos impostos, calcular o que precisamos para as nosas competencias e que “sexamos nós quen paguemos ao Estado polas súas competencias” como acontece en Euskadi e Navarra.
Pontón reivindica en Combarro a riqueza da Ría de Pontevedra e o valor da pesca
Tras manter un encontro co equipo de goberno municipal de Poio, a portavoz do BNG tamén se reuniu con membros da Asociación en defensa do vial alternativo a PO-308 ao seu paso por Combarro onde se rexistra unha alta densidade de tráfico e graves problemas de seguridade viaria. Neste sentido, comprometeuse a levar ao parlamento a demanda dos veciños e veciñas afectados. No comezo do curso político, avanzou, instaremos á Xunta a que licite canto antes o proxecto de mellora da PO-308 e a circunvalación para canalizar o tráfico das Rías Baixas.
Pontón salientou a grande riqueza da ría de Pontevedra e denunciou que a pesar do seu grande potencial económico, persisten os problemas de contaminación provocados por ENCE e falta de saneamento. “A Xunta e o Goberno central son responsables” pero ademais, a Xunta continua facendo “partidismo cutre coas depuradoras.
Pola súa parte, a tenente de alcalde de Poio, Marga Caldas reivindicou o saneamento integral da ría e apostar pola cultura mariñeira. Asemade, reclamou “a titularidade para o concello de Poio da praza de Chousa” co fin de organizar máis actividades libres das taxas abusivas impostas por Portos de Galiza. A concelleira, tamén reiterou a urxencia de acometer o vial alternativo á PO-308.
A Festa do Mar que pon en valor a cultura mariñeira, tamén acolle na súa XIX edición actividades destinadas aos máis cativos con obradoiros organizados pola Asociación “A Chalaniña”, o festival “Armadilla Rock”, diversas concentracións e exposicións de embarcacións tradicionais e regatas.