A candidata á Presidencia, Ana Pontón, pediu desde Vigo votar o 12X “con ilusión, con esperanza e desde o orgullo” rachando coa rutina para deixar atrás once anos de inmobilismo e decadencia. “Este domingo Galiza vai facer historia da man do BNG”, proclamou, tras apelar a unha mobilización masiva na urnas concentrado na candidatura que lidera o voto do cambio galego, “o voto nacionalista, galeguista, progresista, todo o voto de país”.
“Se toda as persoas que queremos abrir un tempo novo expresamos ese desexo nas urnas, o cambio galego é imparable e conseguiremos algo tan revolucionario como darlle a Galiza un goberno leal co país, un goberno leal coa xente deste país liderado, por primeira vez, por unha muller na Presidencia. Imos dar a sorpresa o 12X e por iso está tan nervioso o PP ”, recalcou.
Pontón fixo un chamamento a “conquistar o futuro, porque non podemos deixar que nolo sigan roubando”, e para iso urxe contar na Xunta cun goberno liderado polo BNG “que se faga valer, que mire polo noso, que en Vigo chámase sector da automoción, naval, sector pesqueiro, un goberno que poña en marcha un proxecto de país autocentrado e modernizador, que aposte por unha economía verde, pola ciencia e a investigación, xa está ben de perder talento e de ver como xeración tras xeración teñen que coller as maletas porque a única alternativa é o un emprego precario ou nada”.
A candidata do BNG tamén deixou claro que o seu será o goberno da “igualdade real” para as mulleres e que colocará “ás persoas no centro da actuación política”, o que implica unha defensa a ultranza dos servizos públicos, traballando desde o primeiro día para reverter recortes e privatizacións, e polo coidado dos maiores, cun modelo asistencial público que garanta o dereito a unha vellez digna.
A partir do 12X “imos erguer este país, imos construír unha Galiza nova e eu quero ser a presidenta desa nova Galiza e tendes o meu compromiso de que un Goberno do BNG non lle vai fallar a Vigo e non lle vai fallar a este país”, recalcou.
A diferencia do candidato do PP, Pontón comprometeuse a ser unha presidenta “que sempre lle vou dicir a verdade aos galegos e as galegas e que sempre, sempre vou dar a cara cando haxa problemas”, alegou, tras salientar que este país non se merece un presidente “irresponsable” que actúa con “calculo electoralista” mesmo poñendo en risco a saúde das persoas como está pasando co rebrote da Mariña.
“Feixóo estase comportando como un candidato irresponsable ao que non lle importa nada a veciñanza da Mariña, nin lle importa garantir o seu dereito a saúde, nin tampouco lle importa garantir o seu dereito a votar”, criticou. Un comportamento que os galegos e as galegas non se merecen e que, está convencida, recibirá nas urnas unha resposta contundente.
As urnas van castigar a irresponsabilidade e mentira de Feixóo
“Estou segura que tanta irresponsabilidade e tanta mentira van recibir a resposta que se merece na urnas, empezando pola propia comarca da Mariña, que vai sepultar nas urnas a montaña de irresponsabilidade, a montaña de mentiras do candidato do PP, estou segura que vai recibir unha resposta contundente no conxunto de Galiza e moi especialmente por parte da veciñanza da Mariña”, salientou, “merecemos unha presidenta que diga sempre a verdade e que sempre poña por diante a saúde das persoas”.
Mensaxe á xente moza e ás persoas indecisas
A tres días da cita electoral, Pontón pediu un esforzo final, en particular á xente moza, -“antes de anda votar, despois xa iredes a praia ou ao que toque”-, e fixo un chamamento especial as persoas que aínda non teñen decidido o seu sufraxio ou que dubidan acudir ás urnas.
“Que ningún voto do cambio galego quede na casa, que non se perda ningún voto do cambio real e quero dirixirme aos galegos e galegas que, votasen o que votasen noutros momentos, hoxe miran con simpatía ao BNG, aos que ilusiona unha Galiza cunha muller presidenta nun goberno que mire polo noso, e quero pedirvos que non votedes outras alternativas sen convicción porque é o momento de votar co corazón, con orgullo, con esperanza e con ilusión para a partir do 12X empezar a poñer unha nova Galiza en marcha!”.
A campaña que ilusiona e mobiliza
O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, afirmou que “está en marcha un novo ciclo político e non só é un cambio político ou electoral, senón que é todo un cambio mental porque está nacendo unha nova Galiza, un país con ilusión, con confianza en si mesmo, con determinación e valentía que o domingo vai encher as urnas de voto para o Bloque”.
Bará cualificou esta como a campaña da ilusión “porque o BNG de Ana Pontón está mobilizando a enerxía e a esperanza dun pobo”, xa que ao seu entender, “hai milleiros de persoas de todas as idades e condición que están sumándose ao cambio galego, que queren un país que teña á fronte unha presidenta con ideas novas para saír do letargo e do desánimo”.
En clave local, destacou que Vigo precisa dun goberno aliado e non inimigo. Subliñou que o BNG traballará dende o goberno da Xunta para paliar o déficit de atención da cidade olívica motivado “polas liortas partidistas entre PP e PSOE”, e para potenciar Vigo como o motor de Galiza, como un polo tecnolóxico e industrial centrado na innovación e na investigación.
Bará subliñou a aposta pola reindustrialización e destacou que é preciso coidar sectores básicos para a cidade e a área de influencia como o naval e a automoción, así como potenciar outros punteiros porque “a especialización e a diversificación son o futuro”.
No ámbito das infraestruturas apostou por un plan integral de mellora da mobilidade, un ‘Plan Vigo’ de investimentos que fomente o ferrocarril de proximidade, o Plan de Transporte da Área Metropolitana, o transporte marítimo de ría e a mellora da rede viaria con actuacións como a construción do túnel de ‘Julián Estévez’ ou a urbanización da PO-330 en Pereiró.
Nomeadamente citou o rescate da AP-9 e inmediatamente a gratuidade do treito entre Redondela e Vigo, así como a urbanización do tramo urbano que atravesa a parroquia de Teis e anunciou que o BNG tamén implantará un plan de mellora de transporte de mercadorías por ferrocarril conectando o Porto de Vigo e todos os nodos loxísticos da área coa rede do corredor Atlántico de mercadorías por ferrocarril.