A portavoz nacional, Ana Pontón, lamentou que o presidente da Xunta non este á altura de Galiza “nin no tempo de desconto” e que, en plena crise de prezos, veña ao Parlamento a dar un mitin do PP, como se aínda estivese de campaña electoral, facendo o que mellor se lle da: buscar culpables en lugar de dar solucións e agochar a súa falta de alternativas detrás da propaganda.
“Está cámara é o Parlamento galego, non o Senado, pero leva tantos días de campaña que igual pensa que está nun mitin do PP, -ironizou-, e dóeme que use Galiza para facer campaña a favor do seu partido mentres deixa como legado unha Galiza ós pes dos cabalos e un País peor que o que encontrou”, criticou Pontón tras a intervención do xefe do Executivo a petición do BNG.
Pontón tamén denunciou que, ese legado do PP é a causa de que Galiza estea en peor situación ante a crise actual, “porque durante doce anos o que fixo o señor Feixóo foi arruinar este País: o agro e a pesca a menos, 200.000 mozos e mozas na emigración, incapaz de frear a desertización industrial, nin de salvar empresas estratéxicas como ALCOA”.
E neste contexto, a líder nacionalista quixo deixar unha mensaxe de esperanza a todas as persoas, colectivos e sectores que o están pasando mal.
“Galiza pode contar co BNG, imos seguir traballando para darlle esperanza a este País, imos deixarnos a pel para sacar adiante á clase traballadora, ás persoas autónomas, as gandeiras e gandeiros que pelexan para darnos alimentos de calidade, a xente do mar que sae todos os días a baterse, ós transportistas que fan que todo o que necesitamos chegue ás nosas casas. Imos seguir dándolle a man a eses homes e mulleres que cada día abren o seu negocio e ás familias que sofren para chegar a fin de mes. Que saiban que poden contar co BNG para saír adiante e superar esta crise”, recalcou Pontón.
A líder do Bloque reprochoulle a Feixóo que mentres unha espiral de prezos está levando ao límite á clase traballadora é as empresas, estivese centrado na súa xira por España facendo turismo electoral.
“Mentres estaba nas súas ambicións políticas, neste País tirábanse toneladas de leite e toneladas de peixe, alegou, empresas e sectores ao límite e os galegos e galegas loitando para poder pagar a factura da luz, do gas, dos carburantes o a cesta da compra, e neste contexto ven este Parlamento a facer un novo exercicio de propaganda, poñendo deberes a outros cando ten os seus sen facer”, criticou Pontón.
Ambiente espectacular nas Fallas
“Titulares de 11 de marzo: As fortes subidas dos carburantes lastran a familias e empresas. Ou este outro, conserveiras, loxística, metalurxias e depuradoras ultiman suspensións de emprego. Vostede mentres: Arranco campaña en Valencia, cun ambiente espectacular en plenas Fallas. Ou estes do 15 de marzo: Confrarías e armadores barallan o amarre xeral. A frota galega abocada a un amarre histórico: haberá desabastecemento. Vostede mentres: Zaragoza, Madrid, Toledo, vémonos hoxe. Un día no que tamén engadía este titular: Madrid ama a liberdade e por iso quero volver vivir en Madrid”.
“E prefiro aforrarlle a este Cámara outros titulares, como o que xa lle respondeu unha nai que perdeu o que máis quería, coa dignidade que a vostede lle faltou”, salientou Pontón en relación ás declaracións do presidente da Xunta, nas que negaba que a violencia vicaria fose violencia machista.
O BNG demanda que o Goberno central adopte medidas, pero tamén o galego, que debe facer a parte que lle toca en lugar de agocharse tras a propaganda.
“Propaganda como presumir das axudas dun bono social que non foron convocadas pese a que xa rematou o inverno e que, no mellor dos casos chegarían a unha mínima parte das 40.000 familias en risco de exclusión social”, indicou Pontón, “mentres a súa gran aportación á estafa da luz e vetar a tarifa eléctrica galega e abrazarse ao presidente de Iberdrola cuns ingresos anuais de 13,2 M€, o mesmo que a axuda do bono social”.
E “propaganda” son tamén as anunciadas axudas ao sector primario, tanto á agricultura como a pesca; e igual de propaganda as supostas axudas para as PEMES, “senón dígame señor Feixóo, en que DOG están publicas esas axudas?”, interpelou a líder do Bloque sen obter resposta.
Propostas do BNG
Por contra, Pontón destacou as propostas concretas que formula o BNG para paliar a situación a curto prazo. Entre elas, prohibir a venta a perdas no sector primario, tal e como recolle a lei da cadea alimentaria; compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoables; fixar un prezo máximo para a electricidade no sector primario, axudas temporais ao sector gandeiro e pesqueiro a través do que se coñece como axudas mínimis.
Igualmente, manter as bonificacións ao combustible da frota pesqueira; garantir o prezo dos hidrocarburos no límite anterior a escalada inflacionista; rebaixar temporalmente os impostos ós carburantes, reducir as peaxes en todas as autoestradas galegas e actuar de inmediato sobre o mercado enerxético, poñendo fin ós beneficios caídos do ceo, así como a posta marcha de tarifa eléctrica galega.
En relación Á baixada de impostos, Pontón explicou que o BNG estaba a favor de xeito puntual e extraordinario ante a escala de prezos, pero para as rendas da clase traballadora e da maioría social, en ningún caso para os que máis teñen, como por exemplo o lobby eléctrico que se está forrando en plena crise. “Non compartimos a súa política fiscal de baixarlle máis impostos a quen máis ten”, concluíu.