O BNG elixiu A Coruña para abrir a campaña do 26M que encara, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “co obxectivo de sumar concelleiros e concelleiras, gañar máis alcaldías para formar máis gobernos BNG e, por suposto, avanzar para ter máis peso político en todas as cidades”.
Unha cita coas urnas “na que imos a por todas”, subliñou a líder da formación nacionalista, coa forza “dun BNG á alza” que nos permitirá estender por Galiza “un modelo municipal de éxito, que ten demostrado que funciona, capaz de transformar en positivo vilas e cidades para mellorar a vida das persoas. Ese é o reto que nos fixamos: máis BNG nos concellos, máis concellos gobernados co modelo municipal do Bloque, que demostra que, cando confiamos nas posibilidades do país e temos políticas propias, avanzamos e logramos grandes cousas”, salientou a Pontón.
A líder nacionalista fixo un chamamento á mobilización: “estamos na boa dirección, pero hai que seguir sumando máis galegos e galegas a este proxecto, explicándolles a nosa alternativa para os concellos e para Europa, porque para vencer hai que convencer”, subliñou, “presentamos un proxecto sólido, unido e renovado e pedimos o voto coa certeza de que imos dar o mellor de nós e estar a súa altura”, saliento.
O candidato á Alcaldía herculina, Francisco Jorquera, mostrou o seu “decidido compromiso” coa cidade e subliñou o feito de que a carreira cara as urnas comeza cun BNG “reforzado na Coruña”, tras os resultados obtidos na cidade nos comicios xerais.
“Somos unha forza política sólida e en ascenso, avalada pola nosa traxectoria municipal, e estou convencido da nosa fortaleza. Temos proxecto de cidade, porque temos proxecto de país”, proclamou Jorquera na apertura de campaña, que compartiu coa actual portavoz municipal, Avia Veira.
O cabeza de lista subliñou que a candidatura que lidera “é a única que pode asegurar un cambio real e feito desde nós”, e engadiu que a proposta política e o equipo da candidata do Bloque “ten o que non teñen as outras: solvencia, solidez e capacidade”.
Na súa intervención, Jorquera propuxo “un cambio en serio na Coruña, entroncando co mellor da súa tradición, unha cidade aberta, dinámica; de longa tradición galeguista e nacionalista, republicana e progresista”, e asumiu o compromiso de liderar a política municipal no próximo mandato: “tócanos mudar a decepción xerada por un goberno e unha xestión improvisada e ineficaz, darlle a volta e converter iso en ilusión a través dun cambio transformador, orientado desde a defensa do público”.
Un aspecto que quixo deixar claro: “somos firmes defensores do público, e acreditamos que o mellor xeito de defender o público é xestionar ben o público”, concluíu.
No acto de apertura, a candidata ás eleccións europeas Ana Miranda destacou que elixir a papeleta do BNG o 26M “é garantía de eficacia na defensa dos intereses de Galiza a través dunha voz propia na Eurocámara”, e por iso pide sumar, “aglutinar no BNG todo o voto de país para conseguir unha representación reforzada a través de escano propio, con voz nacionalista e de esquerdas en Bruxelas”.
Voz firme en Bruxelas
Miranda fixo esta apelación a concentrar o voto de país na candidatura que lidera poñendo como aval o traballo feito no Parlamento Europeo, desde a defensa dos sectores produtivos con logros claros como salvar a frota do xeito dunha normativa que a condenaba á desaparición, o contundente informe a favor das demandas das vítimas do Alvia, a defensa da rexeneración das rías e contra os megaproxectos contaminantes, ou a declaración do lexislativo comunitario contra os privilexios do post-franquismo.
“Demostramos ser unha forza eficaz e fiable na defensa dos intereses de Galiza tamén desde as institución europeas, e por iso pedimos o voto de todas as persoas que queren que o noso país conte tamén en Bruxelas e dispoña dunha voz firme na defensa dos nosos intereses nacionais e socias”, concluíu.