O BNG inaugurou curso político en Rianxo coa habitual homenaxe a Castelao con motivo do aniversario do seu pasamento, unha cita na que a portavoz nacional, Ana Pontón, salientou a total vixencia do pensamento do ilustre galeguista cando proclamaba que Galiza precisa forzas coas mans libres para defender os intereses do País.
“Hai unha idea clara que nos deixa Castealo, Galiza precisa forzas propias que defendan os seus intereses, sen submisións a Madrid ou Bruselas, nin tampouco aos grandes lobbys económicos. Na Segunda República esa forza foi o Partido Galeguista, en 2023 é o BNG”, destacou a líder nacionalista no seu discurso. Hoxe é máis necesario que nunca ter un proxecto propio sen ataduras, por iso, “temos que seguir avanzando para que Galiza avance”, argumentou.
As eleccións municipais de maio son unha cita importante para ampliar ese avance do Bloque, “porque precisamos agrandar esa nova Galiza, e por iso estou convencida que o próximo 28 de maio o BNG vai ser a forza política que máis medre e imos ter un resultado histórico, con máis alcaldías e con máis concelleiras e concelleiros ca nunca”, proclamou Pontón, aproveitando para animar a toda a militancia e simpatizantes a traballar desde a xenerosidade para sumar entorno ao proxecto nacionalista a todas as persoas que soñan con outra Galiza posible.
“As eleccións municipais son unha magnífica oportunidade para estender o modelo do BNG a máis concellos e mellorar a vida das persoas e son unha gran oportunidade tamén para agrandar a base social do BNG, para incrementar a nosa presenza no territorio. En definitiva, para integrar a persoas e colectivos que comparten ideais e seguir construíndo, con intelixencia e con humildade, a gran casa común do amor a Galiza que é o BNG”, proclamou. E para lograr ese avance, Pontón apelou a dar o mellor.
“Para conseguilo é necesario facer os deberes e facelos ben, con xenerosidade e con amplitude de miras, sen durmirse nos loureiros e coa man tendida a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón”, recalcou desde Rianxo.
O contexto actual de dificultades e grandes cambios precisa un novo paradigma de goberno, capaz de sacar a Galiza “do furgón de cola ao que nos conducen as forzas estatais”, alega, e ese paradigma xa botou a andar nas pasadas eleccións galegas, “nas que a cidadanía lle deu ao BNG a responsabilidade de liderar a alternativa ao PP”, e xa botou andar nos concellos gobernados polo BNG, “exemplos de políticas “transformadoras e avanzadas” que mesmo se teñen convertido en referentes dentro e fora do País.
As eleccións municipais son unha cita clave, pero o Bloque ten tamén outras prioridades para o 2023, entre elas, seguir loitando contra a crise de prezos, aportando propostas e reclamando medidas para evitar que paguen “os e as de sempre” os efectos dunha inflación que non provocaron.
Neste sentido, Pontón lamentou a falta de “valentía” tanto do Goberno central como do Executivo galego para evitar a especulación de bens básicos como a electricidade ou os alimentos, que fan que unha minoría teña beneficios obscenos mentres a maioría social non chega a fin de mes.
Pódese facer moito máis, -alegou-, “como tomar medidas para frear a especulación na vivenda ou nos alimentos, reclamar que a banca que devolva os 90.000 M€ do rescate, baixar o gasto militar para destinalo á ciencia, educación ou sanidade; poñer topes aos carburantes ou crear a tarifa eléctrica galega para que Galiza se beneficie da súa riqueza eléctrica, en lugar de ser pasto dun boom eólico depredador”, citou a modo de exemplos.
“Para iso fai falta valentía e ter as mans libres, como o BNG, para defender os intereses de Galiza, xusto o que non fan desde Madrid e moito menos un Goberno do PP que arrastra os pés ante a crise, un goberno esgotado, sen corazón ante o sufrimento da maioría, un goberno insolvente, insolidario e inxusto”, denunciou Pontón, como demostrou nos orzamentos de 2023 aprobado en solitario.
Mobilización en febreiro
Por contra, o Bloque vai seguir presentando alternativas para unha saída galega e xusta a esta crise, como unha rede de protección social que inclúe a recuperación da tarxeta básica ou propostas ante a suba do alugueiro e das hipotecas. E, desde logo, alternativas en defensa dos servizos públicos, particularmente a sanidade que arrastra unha atención primaria que está no límite.
Unha loita pola defensa dos servizos públicos, tanto desde as institucións como na rúa, “por iso quero animarvos a seguir traballando desde as plataformas locais e comarcais en defensa da sanidade e na preparación da grande mobilización nacional prevista para o mes de febreiro, que ten que ser unha resposta contundente e masiva a favor do sistema público de saúde”, destacou. Pese ao contexto de crise, Pontón deixou claro que o BNG confía en Galiza e no potencial do País.
“Somos conscientes das dificultades e dos grandes desafíos mais nunca como agora tivemos tan claro que o noso País precisa un cambio de rumbo, que precisamos abrir un tempo novo e facer realidade o vello lema de Castelao de gobernemos nós a nosa Terra”, explicou, “estou segura de que neste 2023 imos dar importantes pasos adiante para conseguilo e avanzar cara unha Galiza con poder político, porque sabemos que é a chave para conquistar o benestar, a liberdade e o futuro, unha Galiza feminista, movida pola ciencia e a innovación, con capacidade parar xerar riqueza, traballo e prosperidade social”.
Pontón concluíu cun agradecemento expreso ao alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, polo seu entregado traballo ao longo de doce anos no concello e parabenizou a Xusto Ordóñez, “un gran relevo que coñece moi ben este concello e que será o próximo alcalde de Rianxo”.