A candidata á Presidencia, Ana Pontón, exerceu o seu dereito ao voto quince minutos despois da apertura da xornada electoral na mesa do Centro Galego de Arte Contemporáneo en Santiago de Compostela, desde onde fixo un chamamento á participación.
“Quería animar a todos os galegos e galegas a que estean presentes, a que voten pensando en que Galiza queren para o seu futuro, animalos a que este domingo fagan historia non momento decisivo e, polo tanto, é importante que todos e todas participemos co noso voto e que xuntos e xuntas construamos a Galiza que queremos”, indicou.
Nesta xornada electoral marcada polo contexto da COVID19, Pontón tamén tivo palabras de afecto e de ánimo para a veciñanza da Mariña, en particular para as persoas que non teñen garantido o seu dereito a votar, porque a Xunta de Galiza non tomou as medidas normativas necesarias pese a ter convocado unhas eleccións nunha situación de pandemia.
“Envío unha agarimosa aperta a toda a xente da Mariña, todo o afecto e cariño porque están nunhas circunstancias excepcionais e, sobre todo, tamén a esas persoas que están vendo como se convocaron unhas eleccións pero ás que non lle garanten o seu dereito ao voto. A Xunta tiña a responsabilidade de articular os mecanismos previstos na lexislación para este tipo de situacións, porque non é razoable que se celebren unhas eleccións nas que hai centos de persoas que non van poder exercer o seu dereito fundamental a votar”, indicou.
En todo caso, animou á comarca da Mariña “a estar presente nas urnas porque está en xogo o seu futuro, a que participe con decisión, con todas as medidas de precaución pero é un momento no que esta comarca tamén ten que ter voz nas urnas e facer desta unha xornada histórica de participación”, alegou.
“Estámonos xogando o futuro este domingo, a Galiza na que queremos vivir, e animo aos galegos e as galegas a que fagamos historia, a votar con ilusión, con convicción, pensando que este país ten futuro e que precisa ter ao fronte un goberno que confíe nas súa propia potencialidades. Estou convencida a que vai ser unha xornada histórica e animo a votar porque é un momento decisivo e todos e todas debemos estar nas urnas porque podemos facer historia”.