Ana Pontón: “Estamos fartas de escoller deputad@s que din unha cousa aquí e fan outra en Madrid”

Critica que Feijóo apoie a candidat@s do PP que no Congreso boicotean os intereses de Galiza, tras coñecer que Ana Pastor veta o traspaso da AP-9

Advirte que a Xunta ultima unha liña de axudas polas inundacións que deixa fora aos concellos máis afectados como Cuntis, Carballo ou Sada

PONTON E BARA VISITA CUNTIS2A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que os galegos e as galegas teñen dereito a que, a partir do 26X, os representantes electos polo país defendan o mesmo en Galiza que en Madrid, tras coñecer que a cabeza de cartel do PP por Pontevedra, a ministra Ana Pastor, inicia a precampaña comunicando que non é posible a transferencia da AP-9 pese a reclamación unánime do Parlamento.

“Estamos fartas de escoller deputados e deputadas que en canto chegan á Madrid esquecen os nosos problemas, a vella política das forzas estatais de dicir unha cousa aquí e outra fora, queremos representantes que defendan o mesmo no Parlamento galego que no Congreso”, salientou Pontón, tras cualificar de “escándalo” que o PP presente unha candidata que anuncia que votará en contra da transferencia da AP-9.

“Xustamente a ministra responsable de que se subiran as peaxes, mentres baixaban os salarios”, polo que a portavoz nacional insta ao PP “a dicir a verdade, porque temos dereito a saber se os candidatos e candidatas que apoia o señor Feijóo van defender a posición aprobada polo Parlamento galego o van defender a posición de Audasa”.

Pontón fixo estas declaracións durante a visita ao Concello de Cuntis xunto co candidato por Pontevedra, Luís Bará, onde mantiveron un encontro cos responsables municipais e locais do BNG, que cogoberna no municipio. Unha das cuestións abordadas foron as consecuencias das recentes inundacións, tras advertir a portavoz nacional que a Xunta ultima unha liña de axudas que inicialmente exclúe precisamente aos concellos máis afectados, como Cuntis, Carballo ou Sada.

“Sabemos que mañá mesmo vai haber unha reunión entre a FEGAMP, Xunta, deputacións e administración central para abordar as axudas aos concellos que sofreron as inundacións, onde podería darse o disparate de que os municipios máis afectados queden excluídos das axudas para reparar os danos”, advertiu Pontón.

Para a portavoz do Bloque “sería un sin sentido que Rueda permitirá que aqueles concellos máis afectados fosen precisamente os que non tivesen axudas públicas por parte da Xunta”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG