Ana Pontón: “O Estado rescatou as radiais madrileñas con miles de millóns de euros; pedimos o mesmo trato, unha AP-9 galega e libre de peaxes”

Néstor Rego e Ana Pontón
Néstor Rego e Ana Pontón

Rego avanza que o BNG pedirá a PP e PSOE que respecten a decisión do Parlamento galego e unha tramitación de urxencia da lei de transferencia

A líder do Bloque pide a Rueda que axilice o informe do custe do rescate e a Puente seriedade nas cifras, “parece que actúa de parte de Audasa”

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao Estado “igualdade de trato” para lograr canto antes unha AP-9 galega e libre de peaxes tal e como se fixo coas radiais madrileñas, que foron rescatadas con miles de millóns de euros, e advertiu que o BNG non vai consentir que a Galiza “se lle dea un trato de segunda”.

“Rescatáronse as radiais madrileñas, por que non se pode rescatar a AP9, rescatar aos galegos e galegas dunhas peaxes que son un auténtico abuso?, interpelou, iso é o que ten que responder o Goberno central”, cuestionou nunha rolda de prensa en Santiago xunto ao deputado no Congreso, Néstor Rego, logo da aprobación na Cámara baixa da toma en consideración da Lei de transferencia da autoestrada e dunha moción do BNG reclamando o rescate.

A líder nacionalista acusou ao ministro de Transportes, Óscar Puente, de “perder toda a credibilidade” cando en tan só quince días eleva “por arte de maxia” o custe do rescate dos 4.000 aos 6.000 millóns de euros, polo que o instou a facer públicos os informes nos que se basea. “A sensación que dá é que está debilitando a posición negociadora do Estado á hora de rescatar a AP-9 porque máis que defender o interese xeral dos galegos e das galegas, parecera que está defendendo os intereses de Audasa”, denunciou.

Neste sentido, advertiu ademais que, segundo a Lei de Contratos, os cálculos do rescate téñense que facer “sobre os beneficios e non sobre a recadación” da empresa, polo que cando o Goberno central, en aquel momento do PP, cifrou por primeira vez o rescate en 4.000 millóns que logo reproduciu o Goberno do Partido Socialista, “demostrouse que se estaba facendo sobre a recadación”, intentando “enganar maneira á cidadanía galega” sobre cal é o custe real dese rescate.

Pontón evidenciou así como os argumentos utilizados no seu momento polo PP son repetidos agora polo PSOE nun mesmo modus operandi de votar unha cousa no Parlamento galego e outra no Congreso, o que exemplifica como as forzas estatais “se alternan na discriminación a Galiza”.

Neste contexto, considerou fundamental o papel a xogar pola Xunta, polo que pediu a Alfonso Rueda que presente canto antes o informe sobre os custes do rescate da AP9, tal e como recollía a moción aprobada no Hórreo para rescatar a autoestrada, e que permitiría “exercer presión dende Galiza” cunha cuantificación real da operación.   

A líder nacionalista reiterou a oportunidade para o rescate que abre a Comisión Europea co expediente de infracción ao Estado español ao considerar ilegal a prórroga de 25 anos concedida a Audasa por Aznar, e advertiu que o BNG vai facer un “seguimento moi estrito” para que o logrado esta semana no Congreso volva quedar “en papel mollado”  e se converta “nunha nova burla aos galegos e ás galegas”. “Dende o BNG imos seguir dando a batalla política para ter unha AP9 galega e libre de peaxes”, concluíu.  

Neste sentido, Néstor Rego avanzou que o Bloque rexistrou a solicitude para que a tramitación da lei para a transferencia se faga polo trámite de urxencia co obxectivo de evitar que se produza novamente esa burla que supuxo na lexislatura anterior que fose aprobada a tramitación mais que despois fose gardada nun caixón e, posteriormente, bloqueada polas emendas rexistradas por PP e PSOE.

Axilizar a tramitación da lei

Así mesmo, anunciou que enviará un escrito a todos ós portavoces dos grupos parlamentarios popular e socialista para solicitar que non presenten emendas, xa que se trata dunha lei que representa “a decisión soberana do Parlamento galego, estando suficientemente clara a responsabilidade que ten o Estado a respecto desta Autoestrada no texto lexislativo e porque a concreación debe facerse na Comisión Mixta de Transferencias” entre Xunta e Estado. Non presentar emendas, ademais, axilizar a tramitación da Lei que se pode facer nun tempo récord. 

O deputado recordou que na moción do BNG aprobada no Congreso recóllese a necesidade de que o Goberno do Estado realice un estudo para avaliar, de forma fiábel, os custos económicos que tería anular a prórroga e a asunción da xestión directa da AP-9. “Precisamente para evitar que se utilicen cifras que non están contrastadas como argumento para tentar evitar o debate e evitar que se avance na dirección do rescate da concesión da Autoestrada”, subliñou.

“As mesmas forzas que nunca cuestionaron o rescate das radiais madrileñas ou calquera investimento en Madrid por custoso que fose, cuestionan o rescate da AP-9”, por contra, Galiza  “ten que pelexar cada euro”. “Estaremos moi atentos a que a lei se tramite canto antes e seguiremos a presionar para que o Goberno, tendo a obriga moral e a obriga política, proceda canto antes a rescatar a AP-9”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG