O BNG encara as eleccións municipais “con todo entusiasmo e sen poñerse límites”, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, convencida de que o Bloque vai ter uns resultados históricos e que será a forza política que máis suba na próxima cita coas urnas: “Imos superar de novo todas as enquisas, imos ser a sorpresa cuns grandes resultados nas próximas eleccións en todo o País e tamén nas cidades que son un obxectivo estratéxico para o BNG”.
Pontón fixo estas declaracións tras a xuntanza de traballo coas persoas que lideran as candidaturas nas sete cidades: Francisco Jorquera (A Coruña), Rubén Arroxo (Lugo), Luís Seara (Ourense), Miguel Anxo Fernández Lores (Pontevedra), Goretti Sanmartín (Santiago), Xabier Pérez (Vigo) e Iván Rivas (Ferrol), aos que instou a “traballar con humildade pero con ambición de país, coa man tendida aos sectores máis dinámicos da sociedade para conseguir o obxectivo de ampliar os gobernos municipais nas cidades e que marcar o inicio da gran transformación que Galiza”.
A líder nacionalista destacou que hai novo ciclo electoral definido polo feito de que a cidadanía situou ao BNG como a alternativa ao PP: “Seguimos a alza e imos dar pasos adiante para ter unha gran representación nos concellos con gobernos municipais transformadores e con capacidade para mellorar a vida da xente”, alegou.
Neste sentido, as eleccións locais, “son reto importante para seguir avanzando e marcar un novo rumbo para Galiza, para seguir fortalecendo ao BNG como alternativa real fronte a un PP instalado na rutina, sen impulso político, que practica a submisión aos intereses madrileños e quere unha sociedade galega resignada”, explicou tras o encontro de traballo cos cabezas de lista e cos seus respectivos coordinadores e coordinadoras de campaña.
Os gobernos municipais liderados polo Bloque demostran que hai outra Galiza posible e outra forma de facer política, o País precisa un novo rumbo e, nese camiño, as urbes son actores esenciais.
“Galiza necesita un cambio e as cidades deben xogar un papel clave á hora de impulsar novas políticas que transformen o País e para iso hai que ter unha visión de conxunto, afastada de localismos, unha visión de traballo en rede das sete cidades”, explicou, destacando que o Bloque confía no potencial de Galiza e das súas urbes “para desenvolver un novo modelo económico e social, que debe ser sustentable, apostar pola ciencia e por modelos urbanos de calidade onde as persoas estean no centro”.
De feito, Pontón subliñou a importancia das cidades á hora de dar resposta a problemas de calado como a emerxencia climática, a xestión de residuos e do ciclo da auga ou a xestión do espazo público e da mobilidade.
“Estamos nun momento no que hai que tomar decisións e actuar con coherencia, porque ante cuestións como a emerxencia climática non actuar é dar pasos atrás”, argumentou, “non valen as ambigüidades senón que hai que actuar de forma clara e contundente”. Por iso, destacou, “un dos compromisos do BNG é conformar gobernos nas cidades que teñan como prioridade loitar contra o cambio climático e a crise ambiental”.
Gobernos de vangarda que melloran a vida da xente
Neste sentido, Pontón puxo en valor a actuación política do Bloque neste eido desde o goberno local de Pontevedra, o único de todo o Estado que fixo realidade a zona de baixas emisións, demostrando que o BNG “ten un proxecto de vangarda e con capaces de anticiparse nas solucións, gobernos de calidade e transformadores que os converten en referentes dentro e fora de Galiza”.
De feito, a formación nacionalista converteu a cidade do Lérez nun referente en sustentabilidade urbana, mentres que en Lugo leva catro anos transformando o espazo público e a mobilidade. “Tomámonos moi en serio o noso labor de goberno con proxectos pensados desde Galiza e adaptados a nosa realidade, facemos cidades mellores e pensadas para as persoas e estes feitos son unha gran carta de presentación moi importante para as eleccións municipais”.
De cara aos comicios de maio, Pontón animou a optar por gobernos municipais “que afronten o futuro con ilusión, decisión, coherencia e experiencia baseada no coñecemento da realidade e na experiencia de goberno, en definitiva, concellos BNG”, concluíu.