A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou o concello de Maceda dentro do contexto das eleccións locais que se celebrarán en maio de 2023. Desde Maceda, a líder nacionalista augurou que o BNG será a forza política que máis aumente a súa representación nesa cita coas urnas.
“O BNG está forte de cara a estas eleccións muncipais e estou convencida de que será a forza política que máis suba neses comicios porque o que precisa Galiza é máis BNG nos concellos”, destacou Pontón, que basa a súa confianza no aval que representa a exitosa capacidade de xestión e de transformación en positivo demostrada polos gobernos liderados polo Bloque.
En clave local, a líder nacionalista destacou que o BNG ten unha equipa de persoas solventes e preparadas para darlle un futuro mellor ao concello, “un grupo de persoas que coñecen Maceda como a palma da man, que senten orgullo de ser de Maceda e que saben o que hai que facer para que este concello prospere e avance”.
“O BNG ten un proxecto claro para Maceda, con propostas e medidas concretas para dinamizar este municipio, para aproveitar todo o seu potencial e para mellorar a vida dos veciños e veciñas. Non podemos resignarnos a que este concello retroceda, que siga perdendo poboación e servizos, que quede parado no tempo”, explicou tras reunirse cos responsables locais, coa militancia e simpatizantes.
Neste sentido, explicou, o Bloque ten propostas concretas a favor de Maceda, para mellorar mellorar as comunicacións e a mobilidade do municipio, para urbanizar e acondicionar a travesía central do concello respectando as peticións da veciñanza e propostas para rehabilitar o patrimonio arquitectónico do concello, empezando polo Castelo de Maceda, un espazo con categoría BIC. “Non é tolerable que o Goberno do PP siga cruzado de brazos cruzados mentres se deteriora unha obra monumental tan importante e sentida pola veciñanza”, explicou.
De feito, indicou, por petición do BNG local, a formación nacionalista xa levou moitos destes asuntos ao Parlamento, mesmo con investimentos concretos para os orzamentos de 2023. Por exemplo, 600.000 euros para sacar o tráfico pesado do centro da vila a través da construción dunha circunvalación e a proposta de destinar 250.000 euros para obras de conservación do castelo.
“Maceda forma parte dunha comarca na que o BNG xa ten demostrado que os seus gobernos municipais son gobernos de calidade, con boa xestión, que transforman en positivo. Gobernos que onde había decadencia, conseguen dinamismo económico e social, e onde había resignación, levan futuro e ilusión”, explicou Pontón.
Así, ao longo do Arnoia, “aí temos os exemplos de Vilar de Barrio, de Baños de Molgas e aí temos Allariz, un referente dentro e fora de Galiza, un exemplo do que o BNG é capaz de facer desde os concellos, con gobernos capaces de xerar riqueza e emprego, que apostan polo comercio e polo tecido empresarial local, concellos á vangarda en rehabilitación, en urbanismo sustentable, en preservación do medio ambiente. Concellos que ofrecen servizos públicos”, destacou.
“En definitiva, concellos que prosperan, que melloran, que avanzan, que melloran a vida da xente. O que fixemos en Allariz podemos facelo en Maceda e ese será o noso reto e o noso obxectivo de cara as eleccións municipais de maio de 2023”, concluíu.