A portavoz nacional, Ana Pontón, valorou o reforzado apoio electoral tanto nas eleccións municipais como europeas e comprometeu que o BNG vai estar “á altura das expectativas” e sempre coa man tendida “para sumar máis apoios”, porque tras o 26M a formación nacionalista xa encara como novo reto abrir un tempo novo en Galiza. “Queremos liderar ese cambio que dea carpetazo ao decenio negro de Feixóo na Xunta”, recalcou.
Por iso, Pontón destacou o valor dos votos obtidos polo Bloque na dobre cita electoral, “porque permiten defender os intereses de Galiza en Europa para seguir dando visibilidade a nación galega nas institucións europeas, e tamén para seguir apostando por construír concellos que son referentes de calidade de vida e que apostan polo potencial do país”, recalcou .
Pero, subliñou, o avance electoral na dobre cita coas urnas, tamén “serve para afianzar un espazo político clave para o presente e para o futuro do país, reforzando o proxecto común que representa o BNG para todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón”. Os resultados, explicou, “consolidan un crecemento importante do Bloque, un cambio de ciclo que confirma que o avance é imparable e que se vai multiplicar nas vindeiras eleccións galegas porque temos un proxecto de país sólido, solvente e unido” .
Entre os datos, Pontón destacou que o BNG duplica votos nas eleccións europeas da man da candidatura que encabeza Ana Miranda, “unha aposta clara dos e das galegas por seguir tendo voz propia en Bruxelas coa nosa eurodeputada, que vai seguir dando a cara polos intereses do país pero tamén por sumar na construción doutra Europa democrática, social, solidaria e dos pobos”.
Igualmente, “cumprimos un dos grandes obxectivos que era consolidar e ampliar a presenza do BNG nas grandes cidades do país”, de tal xeito que a formación nacionalista volve ter representación en todas as urbes galegas cun incremento notable (35%) do número de concelleiros e concelleiras, “síntoma do claro avance do BNG” que volve entrar en Vigo e Ourense, duplica concelleiros na Coruña, convértese en determinante en Lugo, aumenta o voto en Santiago e volve ser a forza máis votada en Pontevedra.
O Bloque pasa a ter 14 maiorías absolutas triplicando a cifra de fai catro anos e sumará máis alcaldías porque é a forza política máis votada na esquerda, “polo tanto vai haber máis alcaldías e máis gobernos do BNG e iso é unha boa noticia para este país porque afianzamos un espazo político que da futuro a Galiza”, explicou a portavoz nacional.
En definitiva, recalcou, o 26M confirma a tendencia á alza do BNG, “pero somos inconformistas, sabemos que este cambio de ciclo non ten volta atrás e imos ir con toda a forza e coa man tendida para seguir sumando máis apoios ao Bloque cun obxectivo moi claro: Poñerlle fin en 2020 a este decenio negro de Feixóo na Xunta de Galiza, porque este país necesita abrir un tempo novo e a organización que ten un proxecto de país sólido, que quere seguir construíndo desde a capacidade e o potencial deste pobo é o BNG”.
Por iso, alegou, “imos seguir sumando, traballando con humildade, desde o inconformismo e con toda a fortaleza para que o Bloque siga dando pasos adinte, porque canto máis avance o BNG, mellor lle vai a Galiza”.