Ana Pontón denuncia que o PP abandonou a política de vivenda pública primando ás construtoras a costa das familias

Vigo
Vigo

Crítica a subida das hipotecas porque é volver cargar a crise sobre a clase traballadora, mentres a banca que se forra tras un rescate multimillonario

Propostas do BNG: Ceder a Galiza o parque da SAREB, mobilizar vivenda baleira, aumentar a promoción pública e reforzar as axudas ao aluguer

O acceso a vivenda converteuse nun problema que a crise de prezos no fixo máis que agravar, sobre todo nas cidades. Por iso, a portavoz nacional, Ana Pontón, desde  Vigo puxo o foco neste asunto “porque se dispara o que se está pagando tanto en compra como en aluguer, que subiu de media máis dun 25%”.

De feito, desde 2016,  en urbes como Vigo ou A Coruña, os alugueres supoñen 1.693€ e 1.473€ máis ao ano respectivamente, para unhas familias que xa está asfixiadas.

Este asunto debe ter unha resposta desde as Administracións, subliñou Pontón, “pero o grave é que o Goberno do PP cargouse a vivenda de promoción pública, desde logo, estaría defendendo os intereses das construtoras, pero non o dereito das persoas a ter acceso a unha vivenda digna”, denunciou a líder do BNG. De feito, recalcou, “hai un dato que deixa claro até que punto o PP se cargou a vivenda pública: que no anterior Plan de vivenda 2015-2020 a Xunta prometeu 870 novas vivendas protexidas e finalmente adxudicou menos de 40 en todo ese período”.

“Evidencia, subliñou, até que punto o PP non traballa para que a xente deste País teña acceso a unha vivenda a un prezo asumible”. Outra proba de que o Partido Popular abandonou a promoción pública está no recorte de orzamentos para ese fin, de tal xeito que de terse mantido o ritmo de inversións que había en 2009 teríanse investido 1.700 M€ máis en vivenda nestes 13 anos, “é hoxe a situación sería substancialmente diferente”, alegou.

Ante a inacción do Goberno popular, Pontón explicou as propostas do BNG para afrontar o problema de acceso a vivenda, que pasan por poñer no mercado máis vivenda a prezo taxado, tanto en compra como en aluguer.

Nesa dirección, o Bloque propón medidas como reclamar ao Estado a cesión a Galiza de todas as vivendas da SAREB aptas para uso residencial, cuxa xestión sería a través do IGVS, “non se entende que todo ese parque de vivenda estea retido en lugar de darlle un uso público”.

Igualmente, crear un parque de vivenda pública en aluguer, para achegarnos ao entorno europeo no que a vivenda pública representa un 9,3% do total, mentres en Galiza é menos do 1%. No caso concreto de Vigo, o Bloque propón que o 75% da promoción de vivendas previstas en Navia sexan de promoción pública, a maioría destinadas a aluguer.

“Hai que ter en conta que ese barrio albergará 1.600 novas vivendas, -o maior desenvolvemento de solo do IGVS de toda Galiza-, pero o PP só prevé 80 de promoción pública, pese a que hai 4.200 vigueses e viguesas que solicitan piso desde o rexistro de vivenda pública”, argumenta Pontón.

Como terceira medida, aumentar as axudas ao aluguer para a mocidade. De feito, o Bloque xa  propuxo un plan de 2M€ con cargo aos orzamentos de 2022, que foi rexeitado polo PP que limitou a cifra a 800.000€. E reclama tamén que as axudas do bono alugueiro mocidade atenda a realidade de pisos compartidos, habitual entre a xente nova. En relación ao colectivo de xente moza, a formación nacionalista aposta por crear unha bolsa de vivendas específica para estudantes, tendo en conta as dificultades de acceso que están a ter nas cidades.

Mobilizar vivenda baleira

Un cuarto aspecto que o BNG considera clave é mobilizar a vivenda baleira, un 18% do total, “con medidas públicas que actúen pola vía fiscal, pola vía das axudas, en particular da rehabilitación condicionadas a que eses inmobles se destinen a aluguer a prezos razoables”, explicou Pontón.

A líder do Bloque foi moi crítica co feito de que, en plena crise de prezos, o Banco Central Europeo decida subir as hipotecas, o que supón apertar aínda máis as economías familiares, “porque esta crise non a provocou un exceso de demanda, ten outras causas, e subir os tipos de interese supón sobrecargar ás familias e á clase traballadora con esta crise”, argumentou. Pontón advertiu que “para moitas persoas ter que pagar 140€ máis ao mes obriga a decidir entre pagar a hipoteca ou comer, e iso non o podemos permitir, sería repetir erros do pasado”.

O BNG ten claro que neste contexto de crise é a banca á que debe facer o esforzo, “pedirlle que non traslade á sociedade esta presión porque aínda non devolveron os 60.000 millóns de euros do rescate e a banca síguese forrando mentres a xente o pasa mal. Aquí tamén hai que tomar medidas de calado”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG