A candidata á Presidencia, Ana Pontón, celebrou na simbólica Praza da Quintana o seu mitin en Santiago, que aproveitou para proclamar a fórmula “ganadora” para lograr o cambio galego: “mobilización masiva e encher as urna de papeletas BNG”, salientou, “se toda as persoas que queren abrir un tempo novo se mobilizan e concentran o voto no BNG este 12X, o cambio galego será unha realidade e faremos historia cunha muller presidenta liderando o goberno do país”.
Pontón confesou a súa especial relación coa capital “é a miña cidade de adopción, a que elixín para que nacera a miña filla e a cidade desde a que me gustaría ter a honra de poder servir a Galiza desde a Presidencia do futuro goberno”, -salientou-, ao mesmo tempo que avanzaba o seu compromiso de que un goberno liderado polo BNG vai ser “aliado” de Compostela, “cumprirá con Santiago apoiando o desenvolvemento do seu estatuto de capitalidade coa parte que lle corresponde”.
“O medre do BNG é imparable porque cada día que pasa son máis as persoas convencidas de que é posible un cambio real se enchemos as urnas de votos ao BNG. Por iso o PP está nervioso, porque a maioría social que fai apenas un mes quería cambio pero era escéptica, agora está convencida de que ese cambio é imparable”.
Pontón salientou que Galiza merece un goberno que se faga valer, coas mans libres, xusto o contrario do que representa o candidato do PP que deixa unha folla de servizos marcada pola “subordinación e a irrelevancia política”, un currículo ao que agora suma a “irresponsabilidade e o escapismo” que está demostrando ante o rebrote da Mariña.
“Nada podemos esperar dun candidato irresponsable que se esconde cando hai problemas. “Vimos ao longo destes once anos a submisión de Feixóo a Madrid, a súa irrelevancia política e a súa incapacidade para dar a cara polo país, pasou do servilismo inútil á confrontación igual de inútil. E por se fora pouco, agora está a dar outra mostra de irresponsabilidade na cuestión que máis importa: a saúde das persoas. Fala o candidato do PP de que sería irresponsable suspender as eleccións na Mariña, o irresponsable é que minimice o rebrote, o irresponsable é que actúe con cálculos electoralistas e irresponsable é a súa falta de transparencia”, lamentou.
Liderar, dar a cara e dicir a verdade
“Non está á altura do país un candidato que primeiro se esconde porque non se pode confiar en alguén que da a espantada cando hai problemas buscando responsables que en lugar de aportar solucións. Galiza precisa unha presidenta que dea a cara e que diga a verdade e ese é o meu compromiso”, salientou, “deixar atrás a submisión e a irrelevancia política, deixar atrás unha Galiza sen liderado e construír un país novo desde a confianza no que somos”.
Para conseguilo, Pontón volveu pedir unha gran mobilización da man do BNG. “Que ningún voto do cambio galego quede na casa, ten que expresarse nas urnas o 12X, ben claro e ben alto”, insistiu facendo unha apelación directa ás persoas que aínda non teñen decidido o seu sufraxio ou que noutras ocasión votaron diferente pero hoxe miran “con ilusión” a candidatura que encabeza.
“Quero dirixirme aos galegos e galegas que, votasen o que votasen noutros momentos, hoxe miran con simpatía o BNG, aos que ilusiona unha Galiza cunha muller presidenta á fronte dun goberno que mire polo noso e quero pedirlle a todos e todas que non votedes outras alternativas sen convicción, case por inercia, porque é o momento de votar co corazón no país, de votar de novo con orgullo, con esperanza e con ilusión para a partir do 12X empezar a poñer Galiza en marcha!”.
“Este é o momento de votar diferente, de facer historia, de que Galiza abra de un tempo novo, de que gañemos o futuro, de encher as urnas de cambio galego, é o momento de votar BNG!”, instou a candidata á Presidencia, “non vós vou fallar, un goberno do BNG non lle vai fallar a este país porque temos un proxecto sólido, solvente, con principios e estratexia para a reconstrución do país”.
O cambio soñado ao alcance da man
O cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, expresou o seu convencemento de que Galiza vai abrir un tempo novo o 12X, porque “o soño do cambio galego está aí, podemos tocalo”. Un cambio en clave de país que traerá “un rural vivo, unha sanidade pública e de calidade, pescar no noso mar, rías saneadas e a preservación do medio ambiente, libre do negocio dos vertedoiros”.
“Temos un gran país, -remarcou-, que clama por políticas de cambio, políticas feministas, políticas económicas para a maioría, e un goberno encabezado polo Bloque vai defender os sectores produtivos, vai priorizar ás persoas para darlles un futuro no que poidan vivir e traballar e con benestar social nesta terra. Poremos en marcha esas políticas de cambio e farémolo cunha muller feminista a fronte, unha presidenta amable, intelixente e decidida como é Ana Pontón”. “Pídovos que concentredes o voto no BNG para facer posible ese cambio porque outra Galiza é posible e da man do BNG ímolo conseguir”.