A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, fixo este xoves unha chamada á mobilización do voto do cambio e a concentrar no BNG a papeleta de todas as galegas e galegos que queren facer historia e abrir un tempo novo a partir do 18-F. “Se o voto do cambio se mobiliza e se une no BNG, Galiza gañará un futuro mellor”, proclamou no Parque de Bonaval, no corazón da capital do País, nun acto horas antes do inicio da campaña electoral.
Rodeada dos cabezas de lista por A Coruña, Mercedes Queixas; Lugo, Olalla Rodil; Ourense, Noa Presas; e Luís Bará; Pontón apelou á mobilización porque, dixo, “estamos ante as eleccións máis importantes e máis abertas dos últimos quince anos” e porque o resultado do 18-F “non está escrito”. De aí a súa chamada a facer historia da man do BNG: “A todos os galegos e as galegas quero pedirlles que voten con ganas, con ilusión, convencidos e convencidas de que imos darlle motivos para que teñan esperanza nun futuro mellor”, proclamou.
Neste sentido, deixou claro que este é o momento de apostar polo BNG como garantía do cambio, con independencia da opción elixida noutros procesos electorais. “Son a candidata de todas as persoas que queren cambio, votasen o que votasen noutras eleccións”, proclamou Pontón ante a decisiva cita do 18-F. “Porque hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega, e todas son necesarias para construír a Galiza en grande que queremos e merecemos”, engadiu, para facer unha nova chamada á confianza no BNG e a facer historia “dándolle a Galiza a primeira presidenta da súa historia coas mans libres”. “Non lles vou fallar”, asegurou.
A candidata do BNG amosouse convencida e que “o cambio é imparable” porque o empuxa unha maioría social que “quere avanzar, vivir mellor e mirar ao futuro con esperanza”. “Témolo ao alcance da man, pero non se pode perder ningún voto”, precisou, para a continuación pedir a toda a xente “inconformista que quere unha Galiza en grande e non esta Galiza en pequeno que nos deixa o PP” que se mobilice coa “máxima forza” e traballen a prol do cambio no seu entorno familiar, no seu centro de traballo ou coas súas amizades.
Galiza está a punto de facer historia, subliñou, se o 18-F acoden ás urnas e o fan da man do Bloque todas as persoas que saen á rúa para defender a sanidade, a educación pública ou o medio ambiente, todos e todas os queren unha Galiza “da ciencia, feminista, diversa”, os que desexan un País “onde a lingua floreza” e no que “teñamos capacidade de decisión” ou os que están fartos “da mentira, a manipulación e a incompetencia do PP”. “Se todas esas persoas vota BNG, haberá cambio”, sintetizou.
A poucas horas de que dea comezo a campaña electoral, Pontón destacou que nesta cita coas urnas os galegos e as galegas só teñen dúas alternativas, “ou seguir ancorados no pasado cun Rueda que xa demostrou ou mirar cara o futuro cunha presidenta do BNG capaz de poñer en marcha unha Galiza en grande”. “Esa é a escolla”, remachou.
Aos indecisos: “Non podemos deixar pasar esta gran oportunidade”
Salientou, neste sentido, a súa determinación de darlle a Galiza “o mellor goberno de todos os tempos”, un goberno que defenda a sanidade pública, capaz de darlle futuro á xente moza e que garanta o dereito a unha vellez tranquila. O Executivo que liderará o Bloque, engadiu, será ademais un goberno “coas ideas claras” para aproveitar o potencial do País. “Xa está ben de perder o PP, toca gañar co BNG e toca gañar un futuro mellor”, afondou.
A candidata nacionalista está segura de que “hai unha onda de cambio que non deixa de medrar”, pero na súa chamada a acudir masivamente ás urnas o vindeiro 18, asegurou ser consciente de que tamén hai moitas persoas que aínda dubidan sobre o seu voto, que están desencantados coa política ou que non están seguros de ir á votar porque non ven posible que as cousas podan mudar.
De aí que hoxe se dirixira expresamente a estes colectivos, ante os que se comprometeu a devolverlles a ilusión na política, pero a política con maiúsculas, pensada para mellorar a vida das persoas: “Pídolles que aposten polo BNG, porque somos a mellor alternativa para derrotar ao PP e poñer en marcha o cambio galego”, afirmou, ao tempo que destacou que “o momento é agora e non podemos deixar pasar esta gran oportunidade”.