Ana Pontón: “ O BNG non vai ser a sucursal de Podemos nin parte do decorado electoral de Bescansa"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón avanza que serán os Órganos de dirección do BNG os que avalíen e respondan á oferta de En Marea coñecida esta fin de semana, a través dos medios de comunicación

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe que a proposta de Carolina Bescansa responde a “unha cortina de fume para tapar a grave crise de En Marea” e recalcou que o BNG non será “a sucursal de Podemos nin parte do decorado electoral de Bescansa”. Pontón explicou que o BNG leva demostrado ao longo da súa historia que propiciou gobernos “alternativos ao Partido popular” e nestes seis meses puidemos comprobar como “Podemos non tiña esa mesma prioridade”. Perderon cinco meses constatando con feitos que a súa prioridade non era “desaloxar a Mariano Rajoy da Moncloa e os seus intereses partidistas estiveron por riba da defensa de esa consigna que agora axitan”.

A portavoz nacional do BNG engadiu que o BNG, "con toda cordialidade", pide a Podemos que rompa a “pinza" que ten co Partido popular no Concello de Pontevedra e propicie gobernos alternativos ao PP.

Pontón e Jorquera responden aos xornalistas

Por outra parte, asegurou  que o BNG ten un programa que vai moito máis alá que a proposta do desaloxo do Partido popular, un programa con propostas “propias” para dar solución á situación de “emerxencia nacional” que viven moitos galegos e galegas. Ademais, o BNG ten no seu ADN o dialogo e falar con todo o mundo pero iso non significará nunca converternos “nunha sucursal de Podemos nin no escenario preelectoral da campaña da Sra. Bescansa”.

Eleccións xerais, segunda oportunidade para que o BNG teña presenza no Congreso

Ana Pontón manifestou que Podemos ten unha estratexia de carácter estatal e nesa confluencia Galiza está desaparecida e sen voz polo que ante as eleccións xerais ábrese o reto de “apostar por forzas propias” que non sexan sucursalistas ás estratexias das direccións dos seus partidos en Madrid. Para poder defender con independencia e sen subordinación os intereses de todos os galegos e galegas “necesitamos ter forzas políticas propias”, a cuestión de fondo, enfatizou, é que exista un nacionalismo actuante e que nas eleccións do 26X os galegos e galegas temos unha segunda oportunidade para recuperar a “voz propia do BNG no Congreso” que durante vinte anos defendeu e deu a cara por Galiza. Neste sentido, engadiu que o propio Francisco Jorquera, no seu período como deputado en Madrid, falou moito máis no grupo mixto que calquera deputado “subsumido” nun grupo de carácter estatal.

Ana Pontón formulará as preguntas a Feijóo

Na comparecencia ante os medios de comunicación, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera anunciou cambios no grupo parlamentario no que resta de Lexislatura adiantando unha coportavocía na que a deputada Ana Pontón formulará as preguntas ao Feióo e Francisco Jorquera asumirá a coordinación do grupo parlamentario e a representación do BNG na Xunta de Portavoces. O cambio, dixo, é “absolutamente natural” e compartido polo grupo parlamentar do BNG porque Ana ten a responsabilidade de ser a máxima referente da política do BNG, é a nosa candidata á Presidencia da Xunta e a sociedade galega debe ter a oportunidade de contrastar nos debates parlamentarios o “continuísmo que representa o Sr. Feijóo fronte á alternativa de futuro que encarna Ana Pontón”.

Intervención de Francisco Jorquera

Pola súa parte a deputada salientou o “traballo intenso” realizado durante todos estes anos por Francisco Jorquera destacando “ o seu rigor e seriedade pero sobre todo a súa firmeza na defensa dos intereses de todos os galegos e galegas”. Ana Pontón concluíu a súa intervención cunha mención ao traballo de oposición de todo o grupo parlamentar “cun pe na rúa e outro no Parlamento” e tamén co reto ante un Feijóo que non ten xa nada que ofrecer a este país e que sigue utilizando a Xunta para a súa particular precampaña camuflando con medias sociais a “verdadeira cara do seu goberno” que antepuxo o cumprimento do déficit ante as necesidades das persoas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG